Outra Copa para o Obra

O equipo compostelán gaña 77-85 ao Básquet Coruña en Noia e suma o seu sétimo título consecutivo da Copa Galicia. Gediminas Zyle, MVP da final con 21 puntos, 3 triplas sen erro e 5 rebotes.

Por gcdeportes | Compostela | 26/09/2016 | Actualizada ás 02:39

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Básquet Coruña 77:
Joan Creus (2), Dago Peña (8), Sabonis (4), Zyle (21), Sergio Olmos (6) –cinco inicial- Zach Monaghan (6), Filip Djuran (6), Ángel Hernández (8), Javi Lucas (11), Mikulic (3) e Larry Abia (2).
Obradoiro 85: Mickey McConnell (6), Bendzius (12), Santi Yusta (7), Rosco Allen (26), Shane Whittington (15) –cinco inicial- Corbacho (12), Fran Cárdenas (1), Adam Pechacek (3), Artem Pustovyi (3) e Matulionis (0).
Parciais: 20-16,19-23 (39-39), 26-26 (65-65), 12-20 (77-85)
Incidencias: final da XXXI edición da Copa Galicia no pavillón municipal Rosalía de Castro de Noia. O Obradoiro tiñas as baixas de Pepe Pozas e Nacho Llovet, pero contou co debut do ex-breoganista Osvaldas Matulionis no canto do mancado Txemi Urtasun.

Obradoiro celebra en Noia o sétimo título consecutivo da Copa Galicia.
Obradoiro celebra en Noia o sétimo título consecutivo da Copa Galicia. | Fonte: fegaba.com

Malia ter xogado a semifinal menos de 24 horas antes, o Básquet Coruña resistiu durante tres cuartos ante todo un ACB e o Obradoiro tivo que empregarse a fondo no último cuarto para gañar por 77-85 a 31ª edición da Copa Galicia. O equipo de Moncho Fernández acada deste xeito o seu sétimo título consecutivo, alcanza o COB e achégase aos 11 cos que conta o Breogán.

O Obra saiu forte cunha tripla de Whittington e un 0-7 de parcial, pero o Leyma respostou cun parcial de 9-2 para igualar o partido (9-9). Corbacho, que o sábado fóra segundo no concurso de triplas en Vitoria, anotou dende 6,75, pero Zyle contestou coa súa segunda canastra tripla e os de Tito Díaz acabaron por diante (20-16) o primeiro cuarto.

Pasaron os dous equipos case tres minutos sen anotar no arrinque do segundo cuarto, ata que Ángel Hernández puxo o 23-16 dende 6,75. O Leyma dominaba no marcador e tentaba correr en ataque, pero o Obra reaccionou cun parcial de 4-12 e Tito Díaz parou o partido con 29-30 a 3:38 do descanso. De novo Zyle (12 puntos ao descanso) abriu un pequeno oco para os coruñeses, e de novo reacción do Obra para chegar co marcador igualado ao descanso: 39-39.

Rosco Allen, con 14 puntos neste cuarto, e unha tripla de Alberto Corbacho fixeron que Obradoiro tomara vantaxe (52-60), pero Tito Díaz pediu un tempo morto e as triplas (dúas de Pilip Djuran e unha de Javi Lucas) e un parcial de 8-0 permitiron a Leyma Coruña seguir con vida (65-65) para os últimos dez minutos.

De novo os puntos de Rosco Allen e unha tripla de Bendzius e Obradoiro abriu un oco definitivo. O técnico lucense do Leyma parou o partido con 69-77 a 5:15 do remate, e o Básquet Coruña tentou un último esforzo, pero ao Obradoiro xa non se lle escapou a vitoria (77-85) para sumar o 7º título da Copa Galicia. Remataron as probas, a vindeira fin de semana principian ACB e LEB.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta