Así se viviu en Twitter a vitoria de Feijóo, a 33 mensaxes por minuto, con moita crítica e autocompracencia

6.802 usuarios publicaron 33 mensaxes por minuto referidas ao presidente da Xunta, durante cinco horas, dende as 20.00 horas deste domingo, cando comezou o reconto e se coñeceron as primeiras enquisas. Moitas críticas e comentarios ácidos, pero tamén autocompracencia dende o PP. Analizamos o impacto en Twitter da vitoria de Alberto Núñez Feijóo cos datos máis destacados.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/09/2016 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

10.356 publicacións —incluíndo chíos e rechíos— entre as 20.00 horas deste domingo e as 01.07 horas na madrugada do luns. Unha media de 33 chíos e rechíos por minuto. A vitoria de Alberto Núñez Feijóo nas eleccións galegas moveu a 6.802 usuarios desta rede que publicaron chíos orixinais e rechíos doutras contas sobre o presidente da Xunta de Galicia. GC recompilou os datos a partir do mesmo momento que se pecharon as urnas e comezou o escrutinio, coas enquisas adiantando a que foi a terceira maioría absoluta do PPdeG liderado por Feijóo. Na recollida de datos usamos como termos de busca "@FeijooGalicia" (nome da conta oficial do líder dos populares galegos) e "Feijóo".

Alberto Núñez Feijóo, votando nas eleccións galegas de 2016
Alberto Núñez Feijóo, votando nas eleccións galegas de 2016 | Fonte: @FeijooGalicia.

Para o termo "@FeijooGalicia" atopamos 4.213 mensaxes nese intervalo de tempo de cinco horas, cunha media de 13,7 publicacións por minuto. O termo "Feijóo" apareceu nese mesmo tempo 6.123 veces, incluíndo chíos e rechíos, cunha media de 20 por minuto. En total, máis de 10.300 publicacións que, sen embargo, non lograron facer do presidente da Xunta trending topic en España.

Pero, que mensaxes e usuarios tiveron máis impacto? A publicación que máis se viralizou foi lanzada ás 22.03 horas polo usuario Anacleto Panceto (‏@Xuxipc). Unha mensaxe chea de sorna e dirixida a Feijóo e Ciudadanos. En tres horas, acadou 509 rechíos, que seguiron aumentando posteriormente.

O segundo chío que máis impacto tivo foi este do presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, publicado ás 23.51 horas para felicitar aos candidatos do PP en Galicia e Euskadi. En apenas hora e cuarto Rajoy conseguiu 419 rechíos, e a cifra seguiu crecendo nas horas seguintes.

A terceira publicación con máis impacto foi esta mensaxe, moi crítica coa xestión de Feijóo, publicada ás 20.17 horas por Paco Lobo (@Cazatalentos). En total, en cinco horas, conseguiu 379 rechíos, que seguiron crecendo posteriormente.

O cuarto chío con máis impacto foi dun dos usuarios máis coñecidos en Twitter España entre as contas máis retranqueiras desta rede: gerardo tecé ( ‏@gerardotc). Esta mensaxe, chea de sorna sobre as amizades perigosas de Feijóo, acadou 377 rechíos entre as 22.06 horas —cando se publicou— e as 01.07 horas, até a nosa recollida de datos. E seguiu crecendo.

E xa no quinto posto aparece o propio gañador destas eleccións. Con esta mensaxe, cunha foto coa súa nai, publicada ás 22.54 horas, Feijóo acadou 376 rechíos en case dous horas e cuarto. Os rechios seguiron aumentando nas horas posteriores.

Por último, entre os  6.802 usuarios que identificamos na conversa arredor de Feijóo, o máis activo foi @Guadalupbragado, directora xeral de Formación Profesional y Enseñanzas de Régimen Especial na Comunidad de Madrid. En total, sumou 54 mensaxes. A segunda, con 38, foi @marsicilia, quen se define como "Española, Católica, Perica y del PP... ahí es nada viviendo en Cataluña! Y muy orgullosa de todo ello". E a terceira, con 32 mensaxes, @POSITIVAARRIBA, conta vinculada ao PP.

Velaquí os gráficos cos datos máis destacados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta