Caballero pide "explicacións" ao PSdeG e a Ferraz tras "moi malos resultados", no medio de peticións de dimisión

Carmela Silva únese a voces críticas en todas as provincias e cre que o "fracaso" electoral obriga a tomar "decisións" de forma "urxente"

Vigo | 26/09/2016 | Actualizada ás 17:57 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pediu este luns "explicacións" ás direccións galega e nacional do PSOE despois dos "moi malos resultados" do seu partido nas eleccións autonómicas, nas que perdeu 43.000 votos e catro deputados.

As súas declaracións, materializadas nunha rolda de prensa, coinciden con distintas peticións de dimisión da xestora chegadas de membros do partido nas catro provincias, que consideran que o PSdeG necesita con urxencia unha nova dirección política.

Inicialmente, o rexedor olívico referiuse á "importantísima caída" do PSdeG e requiriu que se faga "unha análise" que explique "a que responde isto". E é que, recordou, cargos do partido auguraban "un resultado completamente distinto" ata o punto de que o candidato, Xoaquín Fernández Leiceaga, podería "presidir a Xunta".

"Os resultados foron diametralmente contrarios ao que dicían", censurou, antes de recoñecer que "todo o mundo" no PSOE "está preocupado" polo sucedido nestes comicios, incluídos os votantes e todo o "corpo social" que hai tras o partido

Preguntado sobre se o balance sería outro se Ferraz non cambiase a lista por Pontevedra (para introducir, entre outros nomes, a Gonzalo Caballero, sobriño do rexedor e líder do sector crítico da agrupación viguesa), rexeitou comentar esa hipótese.

"UN FRACASO" PARA CARMELA SILVA

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra e tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva, quixo este luns "recoñecer alto e claro" que os resultados do PSdeG "foron un fracaso", de modo que "iso ten que obrigar a que se tomen decisións de forma urxente".

En todo caso, Silva apuntou que, na provincia de Pontevedra, o PP obtivo "un dos peores resultados" e engadiu que "agora toca seguir desenvolvendo un proxecto alternativo baseado na igualdade, a equidade e a xustiza social".

ESIXENCIA DE RESPONSABILIDADES

Na mesma liña, a exdeputada pontevedresa Carmen Gallego requiriu, en declaracións a Europa Press, que Leiceaga "asuma en primeira persoa" a derrota e "non sexa voceiro" na nova lexislatura.

"Non pode ser a cara do PSdeG porque é a cara do fracaso", sentenciou, ao tempo que advertiu de que tampouco poden seguir liderando o partido os que apostaban por este proxecto.

Dende o convencemento de que "ten que haber dimisións", atribuíu o resultado aos enfrontamentos internos, os cambios nas listas e "a mensaxe de pactar" con En Marea.

"Por estratexia, hai que saír a gañar", opinou quen fose conselleira durante o bipartito, antes de cargar tamén contra a xestora que lidera o PSdeG, presidida por Pilar Cancela.

OURENSE REQUIRE "DECISIÓNS"

Tamén dende Ourense, a outra provincia na que houbo cambios na candidatura, a secretaria de Organización do PSOE na provincia, María Quintas, esixiu que se tomen "decisións".

Máxime como recalcou, despois de que a campaña se xestionase totalmente "dende Santiago, puenteando aos comités provinciais" encargados dos actos. "Os responsables, que asuman as súas decisións", concluíu, á vista dos datos "obxectivos" dos comicios.

Pola súa banda, a exsecretaria de Estado Laura Seara conveu que a xestora debe asumir a súa responsabilidade nuns resultados "nefastos" e "deixar paso". "A lealdade e o amor ás siglas demóstrase actuando", sentenciou.

Con todo, atribuíu parte da responsabilidade do acontecido á "deriva" do seu secretario xeral, Pedro Sánchez, e, máis concretamente, xulgou que a súa decisión de anunciar o xoves que intentaría formar goberno "rebentou" a campaña en Galicia.

De feito, a exdeputada ourensana opinou que os malos datos tanto nesta comunidade coma en País Vasco gardan relación cos "erros" de Ferraz.

NOVA DIRECCIÓN

Centrado na responsabilidade da xestora, dende Lugo, o exsecretario provincial Juan Carlos González Santín reclamou "xa" a constitución "dunha dirección política" no PSdeG.

E, sen querer dicir a Leiceaga "que ten que facer", si defendeu que "hai que cambiar todo" para frear "o afastamento da sociedade" por parte da súa formación. "Se non se frea, irá a peor", advertiu.

Pola súa banda, o alcalde de Pedrafita (Lugo), José Luis Raposo, tamén criticou que o seu partido intentou "enganar á sociedade dicindo" que se renovaba, cando o que pasou, ao seu xuízo, é que no partido están "os mesmos sempre" e son, ademais, "os peores".

Así mesmo, outro lucense, o eurodeputado José Blanco declarouse nas redes sociais "desolado" e preguntouse "que máis ten que pasar" para que o seu partido "reflexione".

O contrapunto a estas manifestacións púxoo o cabeza de lista do PSOE pola provincia, Luis Álvarez, quen expresou o seu "apoio" a Leiceaga, de quen dixo que "segue sendo" o seu candidato.

"MOMENTO DURO"

Finalmente, dende A Coruña, a líder socialista na capital de provincia, Mar Barcón, utilizou tamén as redes sociais para lamentar o "momento duro" que atravesa o seu partido e alertou de que "sería inxusto" trasladar a Leiceaga "toda a responsabilidade".

Iso si, no PSOE coruñés non falta quen pida a convocatoria "xa" do congreso galego, co fin de elixir unha dirección política estable tras seis meses de interinidad; mentres outros claman por un debate "en positivo" e que derive en algo "construtivo".

SITUACIÓN EN VIGO

Á marxe da situación interna do partido, outro asunto que Abel Caballero resaltou ante os xornalistas é que "Vigo volveu a frear ao PP", pois esta formación obtivo 12 puntos menos que na "media de Galicia".

Destas cifras, extraeu que "é obvio" que os vigueses non apoian a Feijóo e, indo máis alá, interpretou que se as eleccións fosen municipais el tería 19 edís en vez de 17.

Acerca de se se sente concernido pola perda de apoios ao PSdeG en Vigo (case 2.300 votos), pola súa escasa implicación na campaña, o alcalde limitouse a apuntar: "Vexan os resultados noutras cidades".

En Vigo, ao igual nas outras seis urbes, os socialistas galegos ocuparon o terceiro posto en orde de preferencia dos votantes. Santiago é a única cidade onde o PSdeG mellora resultados con respecto a 2012, aínda que é onde ten unha peor porcentaxe de apoio; mentres Vigo mantén a mellor taxa: un 22,58 por cento.

FELICITACIÓNS A FEIJÓO

Finalmente, o alcalde como a presidenta da Deputación trasladaron publicamente a súa felicitación ao candidato do PPdeG polo seu "extraordinario resultado", e coincidiron en que esta felicitación forma parte da normalidade democrática.

Caballero aseverou que "en democracia hai que felicitar aos que gañan", e recordou que o presidente tamén lle felicitou a el cando tivo "un éxito máis grande que o seu", nas últimas municipais.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta