Luis Bará (BNG): "Con dous debates e unha semana máis, merendámonolos"

Di que o BNG "rompeu con todas as previsións, expectativas e enquisas" e responsabiliza da victoria do PP ao "fracaso das forzas políticas estatais".

Por E.P. | PONTEVEDRA | 26/09/2016 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luis Bará, valorou este luns como "excelente" o resultado da formación nacionalista nos comicios autonómicos deste domingo e sinalou que o Bloque está "de remontada". "Con dous debates e unha semana máis, merendámonolos", chanceou.

Luís Bará en campaña nun encontro cos medios
Luís Bará en campaña nun encontro cos medios

"Síntome moi moi orgulloso polo traballo feito", repetiu Bará, sinalando o labor desenvolvido pola súa organización despois das eleccións xerais de xuño como a "clave" para que comezase un proceso de "recuperación" que lles levou a "romper con todas as previsións, expectativas e enquisas" e obter un "excelente resultado tendo en conta a situación" anterior.

En todo caso, Luis Bará precisou que "o resultado electoral a nivel xeral non é satisfactorio porque o PP consolida a súa maioría absoluta en Galicia e iso é unha mala noticia para o país", aínda que determinou que isto, máis que mérito do Partido Popular, "é mérito das forzas políticas que tiñan obriga de presentar unha alternativa ao PP".

Bará apuntou que "ao fracaso desas forzas políticas a nivel estatal" e "a súa incapacidade para chegar a acordos e formar unha alternativa política o Partido Popular" lle deu "unha vida extra a Rajoy, ao PP e tamén a Feijóo en Galicia".

Do mesmo modo, indicou que "houbo unha falta de capacidade de ilusionar e de atracción" por parte desas forzas que, a xuízo de Luis Bará, "ten que ver con ese desgaste que están a ter, polas súas propias contradicións, polas súas propias loitas". Neste sentido, citou o "espectáculo" que deron nas semanas previas á cita electoral. Todo iso "axudou muchísimo ao PP", apuntou.

FUTURO

Nunha comparecencia na sede local do Bloque Nacionalista Galego, Luis Bará apuntou que para o BNG empeza "un ciclo político novo" de "moita ilusión e esperanza", despois dun período "de desgaste e retroceso". "Conseguimos que volvese ao BNG moita xente que se distanciara e que mirase para nós con confianza", subliñou.

Para iso, recoñeceu que se cambiaron as liñas centrais do discurso do BNG para facelo "máis atractivo" e niso, para Bará, tivo moito que ver o "estilo, brillantez e capacidade política" da candidata, Ana Pontón.

De cara ao futuro, o Bloque ten, segundo Luis Bará, "unha esixencia moi grande para atraer máis xente, abrir as portas do BNG, para facelo máis forte e sumar máis ilusión e apoios" para ter un "papel central" na política galega.

O SEU PORVIR POLÍTICO

Preguntado sobre se abandonará a súa responsabilidade como concelleiro no grupo de goberno do Concello de Pontevedra, Bará respondeu que "esas cousas se falarán con calma". "En principio, o máis lóxico é esa idea, os dous postos incompatibles", dixo.

Respecto á súa opinión persoal, Bará confesou que se sente "absolutamente feliz, realizado e motivado na política local" e ao comparar a súa traxectoria conclúe que "non hai ningunha outra experiencia de goberno na política municipal. "Se dependese de mi intentaría compatibilizarlas, pero non depende de min", indicou.

"Estarei ao que decida a miña organización", engadiu, "pero o feito de ter seis deputados vai requirir moita dedicación, moito esforzo e traballo e é difícil compatibilizar esas dúas tarefas".

ANÁLISE DO PSOE DE PONTEVEDRA

O voceiro do grupo municipal do PSOE en Pontevedra, Tino Fernández, expresou nesta xornada post electoral a súa decepción polos resultados obtidos pola súa agrupación política nas eleccións autonómicas.

Así, lamentou que foran incapaces de xerar ilusión e que o electorado decidira apostar por un goberno do PP, "de recortes, de abandono e de débeda pública". Un feito que, segundo afirmou, debe facerlles reflexionar sobre a estratexia que os socialistas desenvolven no futuro. "Os resultados aquí en Pontevedra, na provincia e en Galicia son decepcionantes", aseverou o socialista.

Fernández criticou tamén as disputas internas no seu partido durante todo este período de campaña electoral. Neste sentido, referiuse ás discrepancias entre o PSOE de Vigo e o do resto da provincia, pero tamén aos comentarios realizados dende Andalucía e Extremadura. O voceiro socialista asegurou que houbo "pouca cordura" e unha "actitude desleal" co candidato Leiceaga.

PP DE PONTEVEDRA

Pola súa banda, o voceiro do grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra, Jacobo Moreira, compareceu en rolda de prensa para mostrar a súa satisfacción polo feito de que na formación siga "recuperando día a día a confianza dos pontevedreses".

Nas eleccións europeas do 2014, o PP obtivo máis de 8.560 votos en Pontevedra, mentres que nas municipais de 2015 foron 10.725 veciños, o 20 D foron 16.266, no mes de xuño conseguiron 17.474 votos e este pasado domingo, 17.839. "Un bo resultado, pero seguiremos traballando para melloralo", dixo Moreira.

CIDADÁNS E MAREA

A voceiro de Ciudadanos en Pontevedra, María Rey, mostrouse preocupada polo ascenso do Partido Popular nestas últimas eleccións autonómicas e polo descenso de votos do seu partido. Non obstante, manifestou que Cidadáns se formulan os retos electorais como un traballo de fondo, porque non viñeron a realizar un "sprint".

María Rey garantiu a súa confianza na candidata Cristina Losada, sinalando que conta con todo o apoio do partido. "Tan culpable pode ser ela coma todos nós", apostilou.

Finalmente, o voceiro municipal de Marea Pontevedra, Luis Rei, valorou que En Marea sexa "a segunda forza en Galicia, na provincia de Pontevedra e tamén no Concello de Pontevedra,", unha circunstancia que les "anima a pensar" que "se"pode construír unha alternativa que faga que no ano 2020" poidan "desprazar á dereita do goberno da Xunta de Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

4 Shin Chan

Canta humildade no BNG! Baixan votos e se recuperan. Vaites, vaites!

3 José Comesanha

Eu xa estou farto de ver gañar (?) ao BNG e logo sempre nos goberna o PP!!

2 Esteban

Cos resultados que sacaches en Pontevedra é como para botar por fóra.E aïnda por riba, tentando compatibilizar dous cargos ! E se hai novas eleccións, tripite de cabeza de lista...

1 guerrilleiro

Estas de coña. Un consello vos vou a dar aos do bng e aos de en marea: pasade de todo durante os pròximos dous anos, non faledes mal do pp , faga o que faga ,non insultedes, . Veñen anos duros e o pobo ten que sufrir un pouco mais Deixade de lado aos obreiros peperos, aos do leite, ..., solo vos queren cando os despide a empresaou cando baixa o leite. Deixade que o pp faga das sùas, maloserà que os que vos votamos sempre non aguantemos. Os deles non van cambiar o voto ainda. Os seus votantes tamen van sufrir. Dedicadevos a pensar como dentro de dous ou tres anos poderiades ter un proxecto ilusionante,sempre dende a alternativa de ideas e non baseado na confrontacion. Non gañastedes nada por berrar mais. Galiza ten o que pide,pasade de todo ata de momento. . Facedeme caso, pasade de todo e que apliquen as politicas de recortes xà, Galicia precisa de mais fame para espertar. Perdon por todo

1 Xabier

Perdón por opinares con liberdade e respeito, nunca. Ánimo que isto é longo e mellores tempos virán.

2 Hermerico

Galicia, que nom Galiza, necessita algumha fame para acordar, que o ,pueblo, que nom o povo, e a cidadania essa de que falam, estám bem repolud@s. E os gadeiros, os do cerco, retornados, preferentistas, a afectados em geral de arroutada fácil, que vaiam ranhá-la. E o fulano esse que mire se lhe botárom drogha no colacao