(AM)25S.- Cancela ve que "non ten sentido" esixir que dimita a xestora e avoga por reflexión e non "autoflaxelación"

Recorda que o PSdeG tamén atravesou "momentos difíciles" con Caballero como candidato e que oito anos máis tarde liderou a Xunta

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2016 | Actualizada ás 21:47 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, declinou este luns presentar a súa dimisión ao argüír que "non ten sentido" esixir renuncias nun órgano de carácter provisional, e preferiu centrarse na "reflexión" sobre uns "malos" resultados electorais antes que caer no "decaemento" ou a "autoflaxelación".

Díxoo nunha rolda de prensa en medio dunha reunión da xestora, que se convocou para analizar os resultados duns comicios nos que os socialistas quedaron en terceira posición --tras o PPdeG e En Marea-- ao perder o apoio dunhas 47.000 persoas e catro deputados.

Así, ante os xornalistas, esbozou como causas da derrota a "fragmentación política", fundamentalmente no ámbito da esquerda, o "ruído interno" en filas socialistas e o feito de contar con pouco tempo para elixir o candidato á Xunta tras a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro debido ás súas imputacións.

A este respecto, deu por feito que o lucense tería sido o cabeza de cartel e defendeu que, tras dous anos no cargo, tiña un proxecto "asentado" e "unha estabilidade política" que lle conferían "opcións reais" de gañar. "E eu non creo nas casualidades", engadiu sobre a situación xudicial do seu anterior líder.

LEICEAGA, "MOI BO CANDIDATO

Con todo, Pilar Cancela recalcou que o aspirante saído das primarias, Xoaquín Fernández Leiceaga, era "un moi bo candidato" e fixo fincapé en que "debería ser o candidato de todos". "O meu recoñecemento pola boa campaña que fixo; pola intensidade, a coherencia e a seriedade do seu traballo", subliñou.

Ao fío diso, lamentou que non se conseguise trasladar a "mensaxe" socialista aos galegos e presentarse como a opción "maioritaria" na esquerda, algo ao que "nunca axuda" --insistiu-- "o ruído" interno. "Se na campaña a cidadanía percibe división, todo é moito máis difícil", abundou.

"SENSACIÓN DE DIVISIÓN"

Preguntada sobre a actitude do alcalde de Vigo, Abel Caballero, nesta campaña, Pilar Cancela expresou o seu "profundo respecto" cara a el, pero reiterou que "unha sensación de división e mesmo de cuestionamiento do candidato ou do programa, evidentemente, non axuda".

Acerca da influencia neste comportamento dos cambios nas propostas de listas das executivas de Pontevedra e Ourense, resolveu que "non é a primeira vez" que se alteran nomes e, ademais, advertiu de que as decisións de órganos superiores "deben ser respectadas, gusten máis ou gusten menos".

De aí que lamentara que, malia o "esforzo de integración" levado a cabo a través de "conversacións" con distintas instancias do partido, non se pechase en todos os lugares. "Hai exemplos onde se logrou certa conformidade en determinados posicionamentos e, noutros casos, o resultado foi distinto", apuntou.

Non obstante, a presidenta da xestora do PSdeG puntualizou que o resultado electoral non obedece só á situación do partido nin ao momento político "tremendamente difícil" que atravesa España. "As análises son máis complexas que reducir as causas a un só elemento", asumiu.

CONGRESO "EN XANEIRO OU FEBREIRO"

Así pois, na mesma xornada na que varios membros do seu partido pediron "responsabilidades" tanto a Leiceaga como, sobre todo, a ela, ratificouse en que, de saír adiante os plans do secretario xeral, Pedro Sánchez, que apoia, en "xaneiro ou febreiro" haberá congreso no PSdeG para elixir a nova dirección.

"Non hai maior asunción de responsabilidades que convocar un congreso e que sexa a militancia a que decida", sostivo Cancela, para poñer en valor que tanto a dirección federal como a galega están a actuar "con exquisita responsabilidade".

Xunto con iso, avogou por analizar a situación do partido para "superar esta situación" e que estes "malos resultados" non se repitan en futuras citas coas urnas.

Malia todo, a socialista recordou que o PSdeG xa atravesou "momentos difíciles" como cando, en 1997, o BNG superou en escanos á candidatura liderada por Abel Caballero e iso non impediu que Emilio Pérez Touriño presidise a Xunta en 2005.

E, sobre Leiceaga, deixou claro que "non está en cuestión" nin existe un debate aberto sobre que non deba tomar posesión do seu escano ou se encargar da portavocía parlamentaria. De feito, acudiu ao adestrador do Atlético de Madrid, Diego Pablo Simeone, para afirmar: "partido a partido".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta