Gardacostas requisa máis de 1.740 quilos de peixe e marisco capturado ilegalmente

Axentes do Servizo de Gardacostas, dependente da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, requisaron nos últimos días máis 1.740 quilos de peixes e marisco capturado ilegalmente, así como máis de 1.100 aparellos de pesca e 750 metros de artes de enmalle, en diferentes operativos.

VIGO | 27/09/2016 | Actualizada ás 12:40 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Axentes do Servizo de Gardacostas, dependente da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, requisaron nos últimos días máis 1.740 quilos de peixes e marisco capturado ilegalmente, así como máis de 1.100 aparellos de pesca e 750 metros de artes de enmalle, en diferentes operativos.

Segundo informou a Consellería, na ría de Arousa comisáronse máis de 110 quilos de diversas especies e 33 aparellos de pesca. O operativo máis destacado tivo lugar en Punta Castro e Punta Touro, onde se interviñeron 22 quilos de polbo e máis dunha trintena de 'cacharros' de plástico para a súa captura.

Na ría de Vigo, os diferentes operativos contra a pesca ilegal concluíron co comiso de 1.170 quilos de xouba no porto de Guixar, por carecer de documentación, e a incautación de 80 nasas nas zonas de Temperás e Samil.

Nas rías de Muros e Noia, interviñéronse máis de 500 aparellos de pesca e 96 quilos de peixe e marisco. En solo unha das actuacións, os axentes do Servizo de Gardacostas incautáronse de 255 nasas e 'cacharros' de polbo, e 55 quilos deste cefalópodo.

Finalmente, na Costa da Morte, leváronse a cabo diferentes operativos contra a pesca ilegal, o máis importante en Sardiñeiro, Fisterra, onde se comisaron 250 'cacharros' para polbo, 6 nasas viveiro, unha liña de fondeo, e 15 sacos de rede, ademais de 272 quilos de peixe e marisco (a maioría mexillón de rocha). En total, nesta zona do litoral, requisáronse máis de 500 aparellos de pesca, 750 metros de artes de enmalle e máis de 360 quilos de diferentes especies.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta