Temas: LUMES INCENDIOS

Como é o negocio do lume en Galicia e en Europa?

As causas dos lumes, a xestión dos montes, o papel dos bombeiros forestais ou os negocios da madeira serán parte dos temas que se abordarán este sábado nunha xornada crítica internacional sobre os incendios forestais .

Por Galicia Confidencial | Ourense | 27/09/2016 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

Os incendios forestais na Unión Europea. O negocio do lume”. Ese é o título da xornada que este próximo sábado, 1 de outubro, se desenvolverá durante todo o día no Auditorio Municipal de Ourense e reúne a bombeiros e expertos de diferentes partes do Estado, Grecia, Brasil ou Portugal .

Espectacular incendio forestal en Avión dende un helicóptero das brigadas que loitan contra o lume
Espectacular incendio forestal en Avión dende un helicóptero das brigadas que loitan contra o lume | Fonte: briflaza

O evento, organizado polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), en colaboración co Concello de Ourense, tenta abordar os lumes desde unha perspectiva crítica cos modelos de extinción e de prevención e coas políticas públicas e de empresas que entenden os incendios como que se foran un “negocio”.

A eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, será a anfitrioa e encargada da apertura desta xornada aberta ao público e para a que non é necesaria inscrición previa, na que tamén participarán a nivel político os deputados de En Marea no Parlamento Galego Antón Sánchez e Davide Rodríguez Estévez, ex alcalde de Manzaneda; así como María Conde, representante de Anova Ourense.

Non obstante, o obxectivo da xornada é dar voz ás persoas que viven en primeira persoa a problemática dos incendios forestais. Así, a primeira mesa de debate xirará sobre “As causas do lume. Unha visión dende a perspectiva europea e internacional” e nela intervirán o traballador forestal da Consellería de Medio Rural da Xunta e membro do Consello Forestal de Galiza, Xosé Santos Otero; a enxeñeira forestal no sector da produción do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST) do Brasil Bárbara Loureriro Borges; o economista e asesor de Unidade Popular no Parlamento Europeo, o grego Kostas Siampanopoulos; e o membro da Confederação Nacional de Agricultura portuguesa, Alfredo Campos.

A segunda mesa da xornada abordará “O modelo forestal. Como combater os lumes desde a xestión dos montes”, e nela tomarán a palabra o coordinador da área de montes do Sindicato Labrego Galego (SLG), Diego Sánchez Agra; o propio ex alcalde de Manzaneda; e o enxeñeiro de montes David Fernández Calviño.

Xa pola tarde, desenvolverase unha mesa sobre “Historia dunha profesión. O papel dos bombeiros forestais”, na que estarán Luís Chaín Galán, representante sindical da CGT en Toledo e membro da Asociación de Traballadores Brigadistas de Reforzo de Incendios Forestais; Clara Isabel Martínez Jimeno, bombeira e representante sindical do Sindicato Independente de Bombeiros Forestais en Cuenca; e Manuel Martínez Méndez “San”, bombeiro e representante sindical da Confederación Intersindical Galega (CIG) en Ourense

Temas: LUMES INCENDIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta