COCIÑAconCIENCIA, o proxecto de divulgación sobre seguridade alimentaria con Pepe Solla

O programa de divulgación pretende concienciar acerca dos erros habituais na manipulación de alimentos no ámbito doméstico: compra, transporte, conservación e cociñado.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/09/2016 | Actualizada ás 17:03

Comparte esta noticia

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) vén de presentar os audiovisuais dos showcookings científicos de 'COCIÑAconCIENCIA', proxecto de divulgación sobre seguridade alimentaria co chef galego Pepe Solla, a través dos que se pretende concienciar acerca dos erros habituais na manipulación de alimentos no ámbito doméstico: compra, transporte, conservación e cociñado.

Pepe Solla e Graciela Ramilo, en COCIÑAconCIENCIA.
Pepe Solla e Graciela Ramilo, en COCIÑAconCIENCIA.

Trátase dos audiovisuais correspondentes aos tres showcookings científicos que se realizaron en Vigo o 11 de marzo, 15 de abril e 22 de xuño pasados, nos que Pepe Solla e Graciela Ramilo, acompañados por un público de 25  persoas, prepararon algúns pratos estrela do chef. Durante a preparación de 'Aguachile de vieiras', 'Atún marinado con sopa de tomate, verduras envinagradas e iogur' e 'Paixón e queixo', abordáronse ademais de conceptos básicos sobre seguridade alimentaria, os puntos críticos de cada un dos pratos que poñen en risco a súa inocuidade, co obxectivo de erradicar falsos mitos, resolver dúbidas, poñer en evidencia erros habituais do consumidor e fomentar as boas prácticas.

ACCIÓNS

COCIÑAconCIENCIA é unha iniciativa liderada polo CSIC a través do grupo de Microbioloxía e Tecnoloxía de Produtos Mariños do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), coa inestimable colaboración do chef Pepe Solla, o apoio da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia e o financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Economía e Competitividade (FECYT-MINECO). Tamén colaboran co proxecto, Concello de Vigo, GADIS e Afundación. Comezou en xaneiro de 2016 e concluirá a final de ano.

De marzo a xuño celebráronse os showcookings científicos, que versaron, entre outros aspectos, sobre a compra e conservación de moluscos bivalvos, a hixiene, a importancia da cadea de frío, os riscos de recontaminación en alimentos xa cociñados, a desinfección de froitas e verduras ou as precaucións nos grupos de risco con determinados alimentos.

Ao mesmo tempo, estívose traballando na web do proxecto, que xa está activa e na que se seguirá actualizando os seus contidos. Tamén se puxeron en marcha as páxinas de Facebook 'Cociña con Ciencia' e Twitter @COCINAyCIENCIA, serviron para darlle difusión ao proxecto, informar das actividades e ir dando algúns apuntamentos sobre seguridade alimentaria.

"Agora COCIÑAconCIENCIA continuará promovendo a seguridade alimentaria a través da súa web e as redes sociais, así como de actividades de divulgación científica en centros educativos, asociacións de veciños e mercados. Os máis pequenos, aprenderán a conservar adecuadamente cada tipo de alimento e prepararán algún prato, adaptado á súa idade por Pepe Solla, para ir empezando a cociñar conciencia", avanza Graciela Ramilo.

"Combinando diversos formatos (presencial, virtual e audiovisual), pretendemos proporcionar aos consumidores información clara, concisa e sinxela sobre como actuar para previr a aparición de problemas de seguridade alimentaria na contorna doméstica, achegando así a ciencia e a actividade investigadora á sociedade", destaca Graciela Ramilo.+

VÍDEOS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta