Santos Héctor insta a Leiceaga e a Cancela a que "asuman responsabilidades", pero evita pedir a súa dimisión

"Nós non fixemos ningún ruído", sostén

PONTEVEDRA | 27/09/2016 | Actualizada ás 18:37 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O secretario provincial do PSdeG-PSOE en Pontevedra, Santos Héctor Rodríguez, compareceu este martes en rolda de prensa para reiterar as súas críticas ao candidato socialista á Presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, e á presidenta da xunta xestora do partido en Galicia, Pilar Cancela.

Así, aínda que evitou pedir a súa dimisión, apelou a que sexan eles mesmos os que tomen as medidas que consideran oportunas tendo en conta "a lóxica política nestas situacións".

Ao respecto, Santos Héctor destacou o "fracaso estrepitoso" do seu partido nas eleccións autonómicas do pasado domingo, polo que cre que é necesario que os responsables da campaña electoral "asuman responsabilidades".

O secretario provincial pontevedrés recordou que o peor resultado ata agora do PSdeG nunhas eleccións autonómicas o tivera o actual alcalde de Vigo, Abel Caballero, o cal dimitiu tras iso. Tamén se referiu ao caso do expresidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que dimitiu tras perder o goberno no ano 2009, a pesar de que el non perdeu catro deputados como pasou nesta cita electoral, senón que repetira resultados con 25 escanos.

CRÍTICO COA XESTORA E CANCELA

Santos Héctor entende que "eles saberán como teñen que asumir esas responsabilidades", aínda que puntualiza que a reacción que tivo a presidenta da xestora tras os resultados foi equivocada, pois "nin fixo autocrítica nin sequera análise dos resultados" e "aínda se atreven a buscar responsables fóra".

O secretario provincial do PSdeG-PSOE en Pontevedra foi especialmente crítico con Pilar Cancela porque "non deu explicacións" a un "feito gravísimo", o cal "non se pode deixar pasar dese modo". Tamén cuestionou que "aqueles que foron a Madrid de forma apresurada a cambiar as listas aprobadas no comité provincial agora permanecen calados e escondidos".

"É un escándalo político que non estean a falar claro e que estean a escorrer o vulto", censurou, ao tempo que negou calquera responsabilidade do partido en Pontevedra no resultado electoral.

Fronte aos que atribúen parte do fracaso nas urnas ao "ruído" que se fixo dende a agrupación de Vigo, Santos Héctor replica: "Nós non fixemos ningún ruído". "Foron eles coas súas decisións", botou en cara ao actual equipo á fronte do PSdeG.

Así mesmo, esgrimiu os resultados electorais en Vigo, onde o PP tivo o 34% dos votos fronte ao 42% de sitios como Pontevedra, cifras que, ao seu xuízo, significa que "se esa porcentaxe se dese en toda Galicia, hoxe Feijóo non gobernaba".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta