Fernán Vello ve "rídículo" que o PP "putrefacto" pida a súa dimisión por un tuit polo que xa se desculpou

O deputado de En Marea por Lugo Miguel Anxo Fernán Vello considera "ridículo" que o PP, onde "hai unha putrefacción xeral e non dimite ninguén", reclamara que deixe o seu escano por un tuit "desafortunado" que xa retirou e polo que xa pediu desculpas.

Santiago de Compostela | 27/09/2016 | Actualizada ás 19:16 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O deputado de En Marea por Lugo Miguel Anxo Fernán Vello considera "ridículo" que o PP, onde "hai unha putrefacción xeral e non dimite ninguén", reclamara que deixe o seu escano por un tuit "desafortunado" que xa retirou e polo que xa pediu desculpas.

Fernán Vello tivo que rectificar e pedir desculpas tras lanzar unha mensaxe en Twitter na que riscaba de "ignorante" ao pobo galego polos resultados das eleccións autonómicas do pasado domingo, nas que o PP de Alberto Núñez Feijóo revalidou a maioría absoluta.

"Pobo estraño o noso: "escravos" que votan ao amo, ao 'señorito', ao cacique, ao que manda, aos de sempre. Pobo alienado e ignorante", escribiu o deputado na súa conta persoal. Horas despois, cando dende o PP galego xa lle pedían a dimisión, borrou o tuit e deu explicacións.

"Rectificar é preciso -publicou a continuación-. En 'quente' podemos expresar ideas desacertadas. O pobo falou e ten todo o meu respecto. As miñas desculpas se ofendín", argumentou o deputado de En Marea.

UN MOMENTO DE VISCERALIDADE

En declaracións a Europa Press, Fernán Vello fixo fincapé en que xa rectificou, confesou que escribiu o tuit "nun momento de visceralidade" tras os resultados das galegas e que "en absoluto" estaba no seu ánimo "faltar ao respecto a ningunha formación política nin ao pobo galego" do que forma parte.

Ademais, denunciou que dende certos sectores do PP galego se orquestrou unha campaña de "persecución" contra a súa persoa. Nos últimos meses, recordou, publicáronse fotografías nun aeroporto para reprochalo que viaxe en primeira clase con diñeiro público, cando, argumenta, as imaxes foron tomadas cando aínda non tiña escano.

Esas "infamias" lánzanse dende "perfís falsos", engadiu Fernán Vello, quen dixo sentir "indefensión" e vítima dunha "persecución de caza ao individuo".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta