(AM)Feijóo advirte que o PPdeG "non "pode parar" e abre as portas aos "votantes orfos" doutros partidos

Pide aos seus "humildade", non caer no "enorme erro" da "autocompracencia" e seguir a renovación, sobre todo no ámbito local

Santiago de Compostela | 28/09/2016 | Actualizada ás 17:23 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

"O PPdeG non pode parar". Esta foi a mensaxe que o líder do partido, Alberto Núñez Feijóo, lanzou este mércores aos seus, poucos días despois da vitoria que lle deixa coa única maioría absoluta autonómica de España, ao tempo que chamou a seguir coa renovación --sobre todo no ámbito local-- e "abrir as portas" aos "votantes orfos" polo descontento con outros partidos.

Na súa intervención ante o máximo órgano do partido entre congresos, o presidente da Xunta en funcións trasladou o seu "agradecemento infinito" pola "confianza" recibida nas urnas e garantiu que será correspondido con "responsabilidade" dende o novo Goberno galego que a conforme no mes de novembro, superados os prazos e trámites parlamentarios.

"Agradecido" tamén co traballo e a "unidade" do seu partido, vinculou tamén a vitoria á capacidade dos populares galegos de sobrepoñerse ao varapalo sufrido nas eleccións municipais de maio de 2015 --os populares só gobernan unha das sete grandes urbes da comunidade (Ourense) e a Deputación ourensana-- e de apostar pola renovación no congreso do partido deste ano.

"Non había tempo que perder e non o perdemos; funcionaron os equipos e funcionou de forma moi excepcional o equipo de campaña", destacou, ademais de poñer en valor o traballo "previo" dos conselleiros que o acompañaron na Xunta en momentos de dificultades económicas.

O balance agora revela, esgrimiu, que a comunidade leva "33 meses creando emprego, sumou 50.000 novos afiliados á Seguridade Social e crece por enriba do 3%". Tamén agradeceu o traballo dos equipos locais e insistiu en que o logro do domingo se debe a que o PPdeG fixo "autocrítica" e se marcou "unha folla de ruta".

O devandito plan incluía, recordou, a renovación de "políticas, equipos e actitudes", tres mandatos cos que, ao seu xuízo, se cumpriu. Sobre os equipos, aludiu á última remodelación do goberno cun reenfoque social, ao cambio de tres dos catro presidentes provinciais e á fichaxe de "Iniesta", como bautizou no congreso de maio o secretario xeral, Miguel Tellado.

"O PP VOLVEU Á RÚA E A RÚA VOLVEU ESTAR CON EL"

Segundo Feijóo, os populares tampouco apostaron solo pola "presenza nas redes sociais" senón que se centraron en estar "na rede social máis importante", a rúa, que é a que permite estar máis preto dos galegos. "O PP volveu á rúa e a rúa volveu estar co partido; volvemos conectar co que somos: un partido galleguista que responde por Galicia e vive por e para Galicia", resumiu.

Despois de pasar o mes de agosto percorrendo Galicia co banco azul, Feijóo mostrouse convencido de que quere que esta iniciativa de contacto directo siga adiante nos próximos anos de goberno, nun formato aínda por decidir, e aproveitou tamén para dar as grazas aos seus polo apoio recibido cando anunciou que volvería presentarse e o traballo posterior.

A "AUTOCOMPRACENCIA", UN ERRO

Igualmente, reafirmou que os resultados son "indiscutiblemente bos e excepcionais", pero advertiu que sería "un erro enorme" caer na "autocompracencia". "O partido non pode parar, ten que seguir funcionando e esixíndose cada día máis porque os galegos nos van esixir máis", advertiu.

Á marxe de responder dende o Goberno á "débeda de gratitude" que dende o domingo os populares teñen cos galegos, Feijóo resaltou que "as próximas eleccións, xa sexa xerais ou municipais, hai que gañalas", e para iso insistiu en que hai que manter o "contacto directo coa xente".

"COMUNICAR" E RENOVACIÓN

O líder popular recalcou a importancia de "falar coa xente" en todos os ámbitos --o local e o autonómico--, en responder ás súas demandas e, se non é posible, explicar por que. Non en van, subliñou do risco que corren os gobernos que "non comunican", xa que o seu pobo "non os entende".

Ademais de comunicar, apelou a seguir o proceso de renovación de equipos e fixou a atención na necesidade de "poñer aínda máis en forma aos 314 equipos locais do partido" (quedan congresos importantes no aire, como en Vigo) e incorporar ás filas populares máis xente nova, formada e comprometida,", para que o partido "siga sendo o maioritario".

HUMILDADE E PORTAS abertas

Así, incidindo nunha das súas ideas forza da campaña, asegurou que o PP ten as "portas abertas" para os "votantes orfos" doutros partidos porque no seu partido non se esixe "servilismo", senón que teñen oco independentes con "intelixencia, formación, sacrificio" e, sobre todo, aqueles que queren "estar a disposición dos demais".

En fronte, advertiu que os partidos que "perderon" o 25-S xa empezan a decepcionar aos seus votantes. Así, aludiu aos conflitos do PSOE e ao "bloqueo" estatal e aos "insultos" das "mareas de Podemos.

Como contrapartida á "soberbia" dos seus rivais, esixiu aos seus que a "humildade" o "contrasinal" de calquera representante do PP en Galicia.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta