Star Center, estrea vitoriosa

O UniFerrol, con apenas seis xogadoras, gaña 71-69 ao Campus Promete cunha canastra no último segundo na primeira xornada da Liga Feminina. A viguesa María Araújo, a mellor nas locais con 19 puntos e 13 rebotes.

Por gcdeportes | Ferrol | 29/09/2016 | Actualizada ás 08:40

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Star Center-UniFerrol 71:
Ana Suárez (13), Ani Calvo (4), María Araújo (19), Barbee (15), Bea Sánchez (15) –cinco inicial- Vilma Kesanen (5) e Patricia Cabrera (0).
Campus Promete 69: Estebas (8), Nicole Romeo (6), Laura Herrera (14), Robyn Parks (16), Leslie Knight (0) –cinco inicial- Stewart (7), Ana Begic (4), María España (8)e Diallo (6).
Parciais: 20-13, 8-17 (28-30), 25-22 (53-52), 18-17 (71-69).
Incidencias: partido da 1ª xornada da Liga Feminina no pavillón municipal de Esteiro.

Foto oficial do Uni Ferrol tras gañar a Copa Galicia.
Foto oficial do Uni Ferrol tras gañar a Copa Galicia. | Fonte: @UniFerrol

Con apenas seis xogadoras e no último suspiro, pero o terceiro proxecto na elite principia con bo pé. Cunha canastra de Barbee a un segundo do final, o UniFerrol venceu 71-69 a Campus Promete na estrea na Liga. As de Lino López tiveron opcións para ter pechado antes o partido (67-62) pero sufriron ata a última xogada, na que a estadounidense Barbee anotou sobre a bucina. Sen apenas tempo para descansar, o domingo (18.00h) segunda cita en Girona.

Trala marcha da estadounidense Megan Podkowa e con Patricia Cabrera aínda sen estar ao cento por cen, catro xogadoras ferrolás (Ana Suárez, María Araújo, Barbee e Bea Sánchez) anotaron 62 dos 71 puntos locais. Ata 11 puntos, con 5 rebotes, anotou a viguesa María Araújo para liderar o Uni Ferrol no primeiro cuarto, no que as de Lino López abriron un pequeño oco: 11-4 primeiro, 20-13 tras dez minutos de xogo.

Tras poñerse 23-13, parón das ferrolás, que erraron canastras doadas baixo aro rival. As rioxanas acadaron un parcial de 0-13, puxéronse por diante (23-26) e obrigaron ao tempo morto de Lino López a 3:56 do descanso. UniFerrol detivo a hemorraxia e chegou 28-30 ao lecer.

De novo os puntos de María Araújo, intercambio rápido de canastras e moita igualdade no terceiro cuarto. As locais sufrían para pechar o rebote, pero Kasanen anotou unha tripla e dous tiros libres de Ani Calvo deixaron o UniFerrol por diante para o último cuarto (53-52).

As ferrolás abriron oco (63-58) malia dúas triplas consecutivas de María España. Campus Promete parou o partido, pero as locais mantiveron a vantaxe: 67-62 a 2:40 do final. Un par de erros en ataque facilitaron a igualada visitante cunha tripla de Paula Estebas (69-69). Quedaban catro segundos, tempo de Lino López, xogada de pizarra para a estadounidense Barbee, mala defensa rioxana e Star Center-UniFerrol que sumou a primeira vitoria da Liga 2016-2017.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta