Veloso, fiel ao FC Porto

O ciclista arousán Gustavo César Veloso, de 36 anos, continuará un ano máis no equipo portugués coa intención de acadar a súa terceira ‘Grandíssima’ tralos títulos do 2014 e 2015. "Estou moi feliz de continuar aquí, espero que por moitos anos", asegura.

Por gcdeportes | Vilagarcía | 29/09/2016 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

Será a quinta campaña consecutiva. O ciclista arousán Gustavo César Veloso, con varias ofertas sobre a mesa, firmou xa a súa continuidade un ano máis no W52-FC Porto, coa intención de acadar a súa terceira Grandíssima. O galego, vencedor das edicións do 2014 e 2015 da Volta a Portugal e dominador no 2016 malia rematar segundo na xeral, asume que con 36 anos e despois de catro campañas dentro da estrutura do W52, a continuidade era o máis lóxico para a súa carreira. “Mudar para sitios que moitas veces nin se coñecen ben acaba por ser peor”.

Gustavo Veloso, coa camisola dos 'Dragões', renova un ano polo W52.
Gustavo Veloso, coa camisola dos 'Dragões', renova un ano polo W52. | Fonte: fcporto.pt

Todos os detalles axudaron a decidirse ao campión galego. “Aquí teño amigos, non son só compañeiros. E estou moi a gusto. Sei co que conto, sei o equipo que teño, e hai unha relación de complicidade co director deportivo [Nuno Ribeiro], excelente comunicación e, ademáis, estou preto da casa”.

O ciclista arousán síntese cómodo no W52-FC Porto. “O equipo en que estou sei que realmente me valora polo meu traballo. Se saíse, non escondo que iría co corazón partido, pois nunca quixen abandonar este proxecto. Podo garantir que estou moi feliz por continuar aqui, espero que por moitos anos”, afirmou á web do FC Porto. Veloso recoñece que a decisión de ficar no mesmo equipo acabou por ser natural e que a vontade dos Dragões, expresada polo director deportivo Nuno Ribeiro, relegou a un segundo plano outras propostas recibidas, mesmo de Portugal como a do Sporting-Tavira.

“Eu e o Nuno fomos colegas e hoxe somos amigos. Xa pasamos por situacións difíceis no equipo e conseguimos seguir unidos e chegar a onde estamos hoxe, que somos unha referencia a nivel nacional. Con el como director podo dicir que sempre estou a gusto. El quería contar comigo para o próximo ano e eu tamén gustaba de continuar. É verdade que tiña outras ofertas, mais en igualdade de condicións, ou mesmo perdendo algunha cousa, ficaría”, dixo Veloso.

Un curso máis, e xa con 37 anos, chegar na mellor forma posíbel á Volta a Portugal e loitar polo triunfo final será o seu grande obxectivo. Gustavo César Veloso (Vilagarcía, 29 de xaneiro de 1980) é profesional dende o 2001, cando fichou polo equipo portugés do Boavista. Despois pasou polo Relax-Bodysol (2004), Kaiku (2005-2006), Xacobeo-Galicia (2007-2010) e Andalucía (2012) antes de regresar ao pelotón portugués. Vencedor da Volta a Catalunya no 2008 e dunha etapa da Vuelta a España no 2009, co seu actual equipo foi campión da Grandíssima no 2014 e 2015 e segundo nas outras duas edicións (2013 e 2016), gañadas por compañeiros seus no W52: o estradense Álex Marque no 2013 e Rui Vinhas no 2016.

Gustavo Veloso entra vitorioso na meta da Senhora da Graça.
Gustavo Veloso entra vitorioso na meta da Senhora da Graça. | Fonte: volta-portugal.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta