Silva critica a Cancela por "enarborar a bandeira dos militantes" cando foi "colocada a dedo"

Responsabiliza a xestora galega "dos peores resultados" do PSdeG e advirte de que "leccións, ningunha"

Santiago de Compostela | 29/09/2016 | Actualizada ás 18:33 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, criticou este xoves a presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, por "enarborar a bandeira dos militantes" e pedir que se escoite a súa voz, ao fío da crise que afecta ao partido a nivel nacional, cando ela mesma "foi colocada a dedo" e "non respectou nunca" a esas bases.

En declaracións aos medios, Silva mostrou a súa sorpresa ante os que "falan dos militantes" e, hai moi pouco tempo en Galicia, "saltáronse os decisións deses militantes". Así, en alusión aos cambios nas listas para as autonómicas, recordou que as bases do partido apoiaron en Pontevedra "masivamente" unha candidatura que "foi liquidada e cepillada nos despachos de Ferraz".

Silva referiuse a "persoas como a presidenta da xestora do PSdeG, que foi colocada a dedo, aducindo que non se podía facer un congreso porque estabamos nun proceso preelectoral". "¿Falan de militantes os que terxiversan as súas decisións e se negan a facer un congreso en Galicia?", ironizou, e pediu "seriedade, rigor e respecto".

Carmela Silva pediu que "ninguén levante a bandeira" da militancia "e moito menos aqueles que non a respectan nunca", e "hai xa moito tempo que non lle fan caso aos militantes". "Así que, leccións ningunha", sentenciou.

RESULTADOS ELECTORAIS

Sobre a situación do partido en Galicia, a socialista viguesa non aforrou reproches a Pilar Cancela e á xestora, e faina "máxima responsable" dos resultados electorais do domingo que, con 14 deputados, converteron o PSdeG nunha forza "irrelevante" na cámara autonómica.

"Sorprende moito que despois dos peores resultados que tivo o PSdeG en toda a democracia, aínda ninguén saíra a dar explicacións, e que ninguén asumira responsabilidades. Iso non forma parte da cultura socialistas nin da cultura política democrática", aseverou.

Así mesmo, culpou a xestora de sumarse aos "discursos reduccionistas" e advertiu de que esas posicións "extremistas" levaron "a que Núñez Feijóo teña maioría absoluta". "¿É iso o que queremos que aconteza tamén con Rajoy?", preguntou.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta