Catalá ve "prematuro" sacar conclusións de que Adif usase o tren para probar se funcionaba o desvío

O ministro de Fomento en funcións avoga por "aprender e poñer en marcha medidas de mellora se son necesarias para garantir a seguridade"

Santiago de Compostela | 29/09/2016 | Actualizada ás 20:06 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O ministro de Fomento en funcións, Rafael Catalá, considerou "prematuro" e mesmo irresponsable anticipar as conclusións ao informe que debe elaborar a CIAF (comisión de investigación de accidentes ferroviarios) e á resolución que adopte o xulgado na causa polo descarrilamento no Porriño (Pontevedra), o pasado 9 de setembro.

Así se pronunciou a preguntas dos xornalistas sobre a información que publica este xoves o diario 'La Voz de Galicia', que revela que Adif (o administrador de infraestruturas ferroviarias) usou o tren do Porriño para probar se funcionaba o desvío.

Fontes consultadas por Europa Press confirmaron que os técnicos que traballan estes días sobre o terreo para tratar de esclarecer os feitos -peritos xudiciais e membros da propia CIAF- foron informados de que na vía non se estaba a realizar obra ningunha, senón que se estaba a comprobar se funcionaban ben as instalacións, despois de detectarse unha anomalía na vía á que se desviou o tren 'Celta' o día do sinistro.

Esta vía obriga ao convoi a reducir a velocidade a 30 quilómetros por hora, cando, previamente, circula a uns 120 quilómetros por hora e dende había tempo o 'Celta', que conecta Vigo con Oporto, non tiña parada xa en O Porriño.

Con todo, as mesmas fontes consultadas subliñan que este tipo de comprobacións "entran dentro dos labores de mantemento" e non son "nada estraño", e recordan que o maquinista recibiu o aviso de diminución da velocidade a través da correspondente sinalización.

"NON ESPECULAR"

Preguntado ao respecto, Catalá, que recordou que esta traxedia ferroviaria, na que morreron catro persoas, é a segunda que lle toca afrontar -despois da de Angrois, en Santiago, onde faleceron 80-, subliñou que "o responsable" é "esperar á resolución e a coñecer a visión oficial". "E, polo tanto, non especular", engadiu.

Neste sentido, defendeu o "estudio minuciosísimo" que se elabora a partir dos datos da caixa de rexistro, do estudio da vía, o cadro de velocidades e as instrucións do condutor.

"Por iso, anticipar as conclusións a eses informes da CIAF ou á investigación xudicial é prematuro, e mesmo me atrevería a dicir que irresponsable", dixo.

O titular de Fomento en funcións apelou á "visión oficial" e aprazou a súa valoración ao momento en que teña "esa información oficial".

"O MEDIO MÁIS SEGURO"

Ademais, como despois do accidente do Alvia na curva da Grandeira, avogou por "aprender e poñer en marcha medidas de mellora se son necesarias para pregarantir a seguridade".

"O medio ferroviario é seguramente o medio máis seguro de todos os nodos de transporte", apostilou, antes de admitir que "é verdade que cando sucede unha traxedia ferroviaria a todos pega un puñazo no peito e fai cuestionar se os sistemas son suficientes e axeitados ou se houbo un erro humano, e saber que pasou".

Por último, indicou que "os primeiros que teñen dereito a sabelo son as vítimas e os seus familiares" e resaltou que "por iso hai que respectar a investigación e esperar a que haxa unhas conclusións xudiciais".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta