#Adalotodo para seguir na elite

Presentación oficial do Obradoiro antes do arrinque, este sábado co Baskonia en Sar, da súa sexta campaña consecutiva na ACB. “Imos dar o mellor de nós para que un ano máis Compostela siga a estar na elite do baloncesto”, apunta Moncho Fernández.

Por gcdeportes | Compostela | 30/09/2016 | Actualizada ás 08:44

Comparte esta noticia

A sexta campaña consecutiva na elite. “Quen nolo ía dicir hai sete anos”, apuntou o seu presidente. Este sábado, en Sar ante o Baskonia, o Obradoiro arrinca unha nova tempada na ACB, a primeira da curta historia obradoirista con só 17 equipos. Este xoves, no Hotel San Francisco, presentación oficial cunha mensaxe: #adalotodo para seguir na elite.

#adalotodo', o lema deste ano do Obra, nas camisolas dos xogadores na presentación.
#adalotodo', o lema deste ano do Obra, nas camisolas dos xogadores na presentación. | Fonte: @OBRADOIROCAB

“O noso obxectivo é non descender, e gañar partido a partido. Como non teñamos claro entre todos, e apoiemos entre todos ao grupo, dígovos que o pasaremos mal”, apuntou Raúl López, o primeiro en intervir, lembrándose do ano pasado, cando o equipo compostelán, despois de cinco vitorias nas oito primeiras xornadas, tivo que agardar ata a penúltima, co triunfo en Andorra, para certificar a permanencia.

“Prométovos, no meu nome e no de todos os xogadores, que imos dar o mellor de nós para que un ano máis Compostela siga a estar na elite do baloncesto español. Pero sen o voso apoio, sen o voso pulo, e cando as cousas non vaian tan ben sen a vosa comprensión, sería unha tarefa imposible”, valorou Moncho Fernández na súa intervención.

“Nova tempada pero cos mesmos sinais de identidade: equipo e corpo técnico, afeccionados e patrocinadores. O día que perdamos unha soa destas tres pezas chave, será o principio da fin. Por iso valoramos tanto o voso apoio”, asegurou Raúl López, que pediu aos xogadores que saian #adalotodo e fagan que a afección se sinta orgullosa co equipo.

O plantel do Obra conta con cinco xogadores que repiten da campaña pasada (o capitán Pepe Pozas, Fran Cárdenas, Santi Yusta, Eimantas Bendzius e Artem Pustovyi), o regreso de Alberto Corbacho e seis caras novas: Mickey McConnell, Nacho Llovet, Txemi Urtasun, Shayne Whittington, Adam Pechacek e Rosco Allen, que para moitos pode ser o xogador revelación desta nova liga ACB. Ata que Txemi Urtasun se recupere da súa lesión, terá a súa oportunidade o ex-breoganista Osvaldas Matulionis. O plantel conta cunha idade media de 25,1 anos, sendo Txemi Urtasun, con 32, e Alberto Corbacho, con 31, os máis experimentados.

Presentación do Obradoiro no Hotel San Francisco.
Presentación do Obradoiro no Hotel San Francisco. | Fonte: @OBRADOIROCAB

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta