Alertan dun “preocupante aumento” nas listas de espera para ecografías

A Asociación de Médicos Interinos de Galicia denuncia a redución de persoal de radioloxía para realizar esta técnica.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/09/2016 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

A Asociación de Médicos Interinos de Galicia (ASMiG) alerta de que "nos últimos meses se produciu un preocupante aumento nas listas de espera para realizar unha ecografía, por mor da redución do persoal de radioloxía dedicado a realizar esta técnica exploratoria".  Así, por exemplo, na área de Coruña hai un tempo medio de espera "de sete meses e subindo", xa que "a quenda de tarde vése limitada continuamente polos recortes de persoal. Están a darse citas para abril ou maio", advirte ASMiG.        

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: xunta.gal

Segundo recordan os médicos interinos, o servizo de ecografías do centro de saúde do Ventorrillo "consta de ata catro profesionais en dúas quendas, mañá e tarde, denso a da tarde a que "sofre os recortes máis severos", causando o "aumento continuado dos atrasos".

"En Radioloxía están a ofrecerse contratos por días ou semanas que deben ser continuamente renovados, sometendo aos profesionais a unha precariedade intolerable".

"A primeira quincena do mes de outubro, por exemplo, a quenda de tarde será eliminada ou reducida á metade pola coincidencia de dous festivos e a escasa rendibilidade económica que supón para o Sergas pagar dez días e só obter oito laborables. Este feito é a proba evidente de que mesmo en Radioloxía están a ofrecerse contratos por días ou semanas que deben ser continuamente renovados, sometendo aos profesionais a unha precariedade intolerable", denuncian os médicos.

Por todo isto, ASMIG insta ao Sergas a potenciar os servizos de ecografía en toda Galicia e a estabilizar e manter de forma continua o cadro de persoal para "reducir de forma paulatina a xa enorme lista de espera, que pode atrasar e comprometer moitos procesos de diagnóstico, con todo o que iso pode supoñer de menoscabo da saúde pública e incerteza para moitos pacientes".

ASMIG solicita tamén ao Sergas que fomente a realización de ecografías nos centros de atención primaria que dispoñen desta técnica e valore a posibilidade de implantar módulos laborais para os médicos de atención primaria que decidisen acollerse a eles e aliviar a sobrecarga do seguinte nivel asistencial. Nese sentido, ASMIG suxire a posta en marcha dalgúns protocolos ecográficos, como os de tiroides, próstata e troncos supraaórticos, de gran interese clínico e que poderían servir de screening diagnóstico pola súa alta resolución. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta