Temas: TREN PORTUGAL TAV

Viaxar da Coruña a Lisboa en tren rápido pode ser unha realidade en tres anos

Portugal modernizará a liña, que permitirá reducir a 90 minutos a viaxe entre Vigo e Porto. En 2019 unha coruñesa poderá viaxar de forma case directa ata o Algarve.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/09/2016 | Actualizada ás 11:28

Comparte esta noticia

Viaxar da Coruña a Lisboa nun tren de velocidade alta pode ser unha realidade en tres anos. Así o cre o Goberno de Portugal que acaba de presentar un proxecto de conexións ferroviarias con Galicia cun cronograma oficial de mellora da liña ferroviaria entre Porto e Valença do Minho.

Un alfa pendular, tren rápido portugués
Un alfa pendular, tren rápido portugués | Fonte: porto.pt

Este tramo, en territorio portugués, é fundamental para o tramo Vigo- Porto e, polo tanto, para a tan desexada conexión directa entre A Coruña-Santiago-Vigo-Porto-Lisboa. Unha viaxe que se faría con trens rápidos, como o Alvia español ou Alfa Pendular portugués. De feito, un coruñés podería viaxar case de xeito directo ata o Algarve nun tren destas características en 2019.

Iso sempre e cando se cumplan as previsións do Goberno luso que prevé ter rematada unha "infraestrutura de calidade" en tres anos. O obxectivo é facer unha conexión de carácter internacional, tanto para pasaxeiros, como para mercadorías.

Compromiso por escrito

No proxecto do departamento de Infraestruturas de Portugal recóllese a mellora e electrificación da liña entre Porto e Vigo no tramo que falta, desde Nine-Braga até Valença. É a primeira vez que o Goberno portugués recolle o seu compromiso de rematar, finalmente, este tramo que leva anos agardando nun caixón. Ademais, chega con prazos e orzamentos definidos.

Así, prevese un investimento total de 83,2 millóns de euros, dos que 59,2 son fondos europeos comprometidos até 2020 en tanto que o resto, outros 24 millóns, achégaos o Estado. O obxectivo final é a modernización completa da liña, que permitirá introducir novos trens máis rápidos e reducir a 90 minutos a viaxe entre Vigo e Porto.

O horizonte temporal é o terceiro trimestre de 2019, quedando o último para realizar probas e incluír sinalizacións entre Viana do Castelo e Valença. Segundo indicou o organismo luso de Fomento,  en 2017 tería que estar toda a actuación adxudicada e en marcha, salvo a electrificación entre Viana e Valença, desde 2018.

Temas: TREN PORTUGAL TAV
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xoan d

Que marabilla!!! os irmans portugueses cada vez máis perto... saúdos.