Peixegalego, debut soñado

O equipo marinense gaña 78-72 ao todopoderoso Melilla na súa estrea na LEB Ouro. Andrés Miso e Tim Derksen, os mellores con 22 puntos cada un nos locais, que non puideron contar con Jason Cain. O vindeiro venres, derbi en Riazor.

Por gcdeportes | Marín | 01/10/2016 | Actualizada ás 09:07

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Marín Peixegalego 78:
José Simeón (5), Andrés Miso (22), Tim Derksen (22), Javi Múgica (12), Marc Bauzá (4) –cinco inicial- Gregorio Adón (8), Mario Cabanas (2), Manu Ferreiro (3), Albert Homs (0) e Emilio Oubiña (0).
Melilla Baloncesto 72: Pedro Rivero (18), Joseph Ott (12), Pablo Almazán (8), Van Wijk (2), Oliver Arteaga (17) –cinco inicial- Jorge Sanz (3), Edu Gatell (10), Héctor Manzano (2) e Álvaro García (0).
Parciais: 23-17, 18-12 (41-29), 18-13, 19-30 (78-72).
Árbitros: Esperanza Mendoza e Daniel Pazos. Expulsaron por cinco faltas a Marc Bauzá.
Incidencias: partido da 1ª xornada da LEB Ouro no pavillón da Raña ante 800 espectadores.

Andrés Miso, MVP con 22 puntos, cinco triplas e 7 asistencias.
Andrés Miso, MVP con 22 puntos, cinco triplas e 7 asistencias. | Fonte: Diego Torrado (pontevedraviva.com)

A estrea soñada para un debut histórico. Fronte a un dos grandes da categoría, que o ano pasado acadou o ascenso, na Raña ante o seu público e cunha vitoria solvente. Malia a baixa de Jason Cain, o Marín Peixegalego deu a sorpresa e tumbou 78-72 o Melilla, de novo aspirante á ACB. Poucos soñaban cun debut así na LEB Ouro. Os de Javi Llorente anotaron ata 12 triplas cun 48% de acerto (cinco Andrés Miso e tres Javi Múgica), por tan só tres do rival. Destacaron Miso e Tim Derksen, imparábeis con 22 puntos cada un. O vindeiro venres, máis difícil aínda, coa visita en Riazor ao Básquet Coruña.

Cos puntos de Andrés Miso, o Peixegalego mandou dende o principio. Melilla tentaba cargar o xogo nos interiores, pero os marinenses mantiñan unha gran defensa e non cedían o mando. Trala segunda tripla de Javi Múgica, 23-17 no remate do primeiro cuarto. Marín seguiu concentrado en defensa, freando a dirección do ex-cobista Pedro Rivero, e os visitantes anotaron tan só 12 puntos no segundo cuarto. Ao descanso, 41-29 para os de Javi Llorente.

Nada mudou tralo paso por vestiarios. Miso seguiu anotando dende o bloqueo directo, Melilla seguía espeso en ataque, con moitas perdas de balón que facilitaban as transicións locais, e Marín chegou aos últimos dez minutos con 17 de vantaxe e o partido case decidido con 59-42. No último cuarto, melloraron os visitantes da man de Pedro Rivero e maquillaron o resultado con 30 puntos en dez minutos, pero sen posibilidades de vitoria. Ao final, 78-72 para o Marín no seu histórico debut na LEB Ouro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta