Pachi Vázquez pide aos socialistas “deixar de enganar como Pedro Sánchez”

O ex-secretario xeral do PSdeG é un dos promotores da revolta en Galicia. Considera que "hai que elixir entre tres cousas horrorosas": Ir a unhas novas eleccións, intentar formar un Goberno con Podemos, ERC, CDC e Bildu; ou absterse e deixar gobernar a Mariano Rajoy.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/10/2016 | Actualizada ás 15:03

Comparte esta noticia

O ex-secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez —un dos homes fortes entre os críticos de Pedro Sánchez en Galicia— pediu aos seus compañeiros de partido "deixar de contar milongas" e explicar que "hai que elixir entre tres cousas horrorosas": Ir a unhas novas eleccións, intentar formar un Goberno con Podemos, ERC, CDC e Bildu; ou absterse e deixar gobernar a Mariano Rajoy.

Pachi Vázquez e Pepe Blanco en 2011
Pachi Vázquez e Pepe Blanco en 2011

"Non fagamos como Pedro Sánchez, digamos a verdade. Non temos fórmulas máxicas, Ciudadanos dixo que non, Coalición Canaria dixo que non. Entón, a xestora e o partido teñen que elixir entre estas tres fórmulas a que sexa a menos traumática para España, a menos traumática para o partido e pensando que ningunha das tres é unha fórmula que guste a ningún socialista", subliñou.

En declaracións á Cadea COPE, Vázquez cualificou de "trauma" o Comité Federal do PSOE celebrado este sábado, que concluíu coa dimisión de Pedro Sánchez e o seu Executiva e o nomeamento dunha xestora para dirixir o partido. "Foi algo totalmente innecesario. Pedro Sánchez e César Luena sabían o que ía pasar e como estaban as forzas"

O ex-dirixente galego criticou o uso por parte da recén disolta Executiva liderada por Sánchez de "todas as revoltas e recursos dos Estatutos" para "tensionar" o partido ao seu favor e levalo a "unha esquizofrenia política" coa súa "incapacidade para asumir responsabilidades".

"No partido socialista hai unha norma non escrita que é que cando ganas as eleccións as ganas e cando as perdes pérdelas. O que nunca se deu é que alguén que perdeu as eleccións quixese gobernar. Se ti lle preguntas ós teus votantes despois de perder se queren que gobernes, diranche que claro que queren", apostilou.

Ademais, mostrouse confiado en que, malia o "naufraxio do partido" na reunión celebrada onte en Ferraz, esta é "o último tramo do 'Via Crucis' político" no que se viron sumidos os socialistas e asegurou que o PSOE "existía moito antes de que chegase Pedro Sánchez" e "existirá moito despois de que se fora".

Aínda así, advertiu que "a convalecencia será longa" e pediu que o vivido esta semana sexa unha "catarse" que leve á renovación do proxecto socialdemócrata e do "edificio socialista". "Preocuparíame que o meu partido celebre un congreso unicamente para repartirse uns espazos de poder entre determinadas federacións ou territorios. Espero que tocaramos fondo", manifestou.

Hai que lembrar que Pachi Vázquez foi un dos promotores do derrocamento de Sánchez dende Galicia. O pasado mércores participou nunha xuntanza dun grupo de destacados dirixentes socialistas próximos a el e a  Abel Caballero e José Blanco, os principais impulsores para mudar o rumbo do PSdeG. Nesa xuntanza, que tivo lugar no bar Paz Nogueira de Santiago estaban, entre outros, o propio Caballero e Pachi Vázquez, Méndez Romeu, Xosé Sánchez Bugallo, maría Quintas, José López Orozco, Marisonl Soneira, Beatriz Sestayo, Laura Seara ou Bernardino Rama.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela