Os críticos piden a dimisión de Pilar Cancela e esta asegura que o mandato da xestora do PSdeG “segue vixente”

A actual presidenta da xestora do PSOE en Galicia foi a única integrante da delegación galega que apoiou a Pedro Sánchez no Comité Federal. Os demais votaron en contra, malia o mandato das agrupacións socialistas, que en Lugo e A Coruña, por exemplo, apoiaron masivamente ao xa ex-secretario xeral.

Por Europa Press / Redacción | Madrid / Santiago de Compostela | 02/10/2016 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

O PSdeG inicia unha guerra interna sen cuartel. Os críticos de Pedro Sánchez e os delegados no Comité Federal do PSOE xa deron os primeiros pasos para tomar o control sobre o partido en Galicia, malia que son moitas as agrupacions socialistas que lles pediron que seguisen o mandato dos militantes, que en provincias como A Coruña ou Lugo decidiron masivamente apoiar ao xa dimitido secretario xeral. A presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, a prol de Sánchez, asegurou que o mandato deste órgano en Galicia "segue vixente" ata que se celebre en Galicia un Congreso e "as correspondentes primarias", pero os críticos coa actual dirección galega ven a situación "insostible" ao considerar que a que foi secretaria de organización "está en completa minoría".

Pilar Cancela
Pilar Cancela | Fonte: Europa Press.

Tras a reunión do tenso Comité Federal deste sábado en Madrid, que rematou coa dimisión de Pedro Sánchez como secretario xeral, Pilar Cancela rexeitou que a xestora —designada por Ferraz e na que non hai ningún galego— deba presentar tamén a súa dimisión nestes momentos, dado que "se prorrogou o seu mandato" e ten "un labor concreto", que "é a convocatoria do correspondente congreso galego cunhas primarias previas". "E iso ocorre unha vez que se convoque o Congreso Federal, tamén cunhas primarias previas. Primeiro renóvase a nivel federal e despois a nivel galego", insistiu a dirixente socialista, que considera que "non hai ningunha causa para dimitir", xa que "en momentos así é cando un ten que facer o papel que lle corresponde".

Ademais, sobre o seu apoio ao xa ex-secretario xeral, explicou que en Galicia "hai un posicionamento maioritario das agrupacións e a militancia" a favor de Pedro Sánchez e da postura que mantiña e que defendeu este sábado ante o Comité Federal. En concreto, Sánchez, partidario de conformar un goberno alternativo ao PP, dimitiu tras perder a votación que propoñía a celebración dun Congreso Extraordinario, á que condicionaba a súa continuidade no cargo.

"Eu, nese sentido, fun consecuente con ese mandato da militancia e entendía que iso —apoiar a Pedro Sánchez— era o que correspondía. Polo tanto, a partir de agora, cada un terá que explicar cal foi o seu posicionamento alí e por que adoptou esa postura", indicou Cancela.

SITUACIÓN "INSOSTIBLE"

Pola súa banda, fontes críticas coa dirección do partido en Galicia consideran que a presidenta da xestora debería "pensar na súa situación", xa que "está en completa minoría" tras ser "a única integrante da delegación galega socialista no Comité Federal que apoiou a Pedro Sánchez". Con todo, non explicaron por que non cumpriron o mandato das agrupacións socialistas que, por maioría, lles pediron o voto a prol de Sánchez.

"Había xente de todos os sectores galegos, xente que apoiou a Méndez nas primarias, xente que apoiou a Leiceaga... e a única que discrepou foi ela", indican estas mesmas fontes, que atribúen a postura de Pilar Cancela a unha decisión "persoal".

"A súa situación é insostible", insistiron os partidarios do derrocamento de Sánchez, que consideran que se debe "acabar" con esta tesitura e dar paso a unha etapa na que "unha parte do partido deixe de estar fóra de calquera órgano". "Hai unha parte do partido que non podemos participar porque nin na xestora nin noutras instancias se conta con nós. Este tipo de formas de traballar hai que superalas", indicaron.

Nesta mesma liña pronunciáronse outras fontes socialistas presentes no Comité Federal do sábado. "Cando a presidenta da xestora vai alí e só ela, de toda a delegación galega, vota en contra da xestora estatal... Debería ter presentado a dimisión onte mesmo pola noite", manifestaron.

"Urxe que dimita unha presidenta da xestora que perdeu miles de votos nas xerais, que dividiu ao partido co cambiazo nas listas das autonómicas avaladas pola militancia e que despois presidiu unha delegación na que o único voto discrepante é o dela", apuntaron.

DEFENSA DA RESOLUCIÓN DO COMITÉ FEDERAL

Ademais, sobre o Comité Federal do sábado, aseguraron que "o que ocorreu non foi un debate político sobre o que algúns din que é a posición do PSOE sobre a gobernabilidade de España". "Onte tentouse atallar a convocatoria dun congreso exprés que poñía por diante intereses persoais aos da maioría dos militantes e cidadáns", argüíron.

Con todo, consideraron que a xestora que agora dirixe ao Partido Socialista a nivel estatal, liderada polo presidente de Asturias, Javier Fernández, "saberá sacar adiante ao partido" e superar a "difícil situación" na que se atopa tras o paso dun secretario xeral que "levaba sete eleccións perdidas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta