Os 12 procesados por 'okupar' a Sala Yago en 2011 denuncian “criminalización”

Esgrimen que houbo "un espectáculo mediático desproporcionado" e recordan a frase de Conde Roa: "Sentirán o meu alento na súa caluga".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2016 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

Os 12 procesados por 'okupar' a Sala Yago en Santiago no ano 2011, que serán xulgados por "usurpación" deste espazo e expóñense a penas de entre 12 e 18 meses de prisión, pedirán a "absolución", tras denunciar que no seu día se buscou "criminalizar" o caso e darlle "un enfoque moito máis mediático" cunha actuación policial "desproporcionada".

Protesta polo xuízo contra os activistas que ocuparon a Sala Yago de Santiago
Protesta polo xuízo contra os activistas que ocuparon a Sala Yago de Santiago | Fonte: EP

Ás portas do antigo cinema da capital galega, Iria e Roi, dous das persoas que participaron cinco anos atrás na "reapertura" desta sala, "moi ligada á cultura alternativa" da cidade, leron un manifesto no que recordaron o contexto no que se produciu este desaloxo marcado por "desafiuzamentos, corrupción, ERE's, desemprego e a estafa das preferentes".

Foi entón cando, recordaron, o daquela alcalde popular, Gerardo Conde Roa, pronunciou "aquela frase máis propia dun sherif dos spaghetti western que se proxectaban nos anos 70 no Cinema Yago: 'Sentirán o meu alento na súa caluga"'. "El foi o culpable de que doce persoas sentemos no banco cinco anos máis tarde; os 12 da Yago, rememorando outro filme que se proxectou aquí 'Doce do cadafalso"', subliñaron.

No seu comunicado, recordaron aquel mércores 23 de novembro de 2011 cando a Policía Nacional "irrompeu sen esforzo nunha sala" a porta da cal "estaba aberta".

"Tras catro horas de rexistro desproporcionado e minucioso levaron detidas ás once persoas que nese momento estaban dentro. (...) Preguntarédesvos por que somos once os detidos e doce no cadafalso. Pasados uns días outra persoa foi imputada tras identificar unha pegada parcial dentro da sala. Qué curioso, ¿non? ¿Por que esta pegada valía máis que as dos outros centos de persoas que pasaron por alí?. Isto é algo que aínda nos preguntamos a día de hoxe", reflexionou.

Desaloxo da Sala Yago
Desaloxo da Sala Yago | Fonte: Xurxo Salgado

ABSOLUCIÓN E APERTURA PARA A CULTURA

Dende 2011, as persoas que se concentraron ante a Sala Yago, recordaron que o cinema segue en estado de abandono e que "foi reaberta" en 2014 e desaloxadas "sen consecuencias penais nin mediáticas". "Entón gobernaba Ángel Currás, o segundo dos tres alcaldes do PP, seguro que tiña cousas máis importantes do que preocuparse", ironiza o comunicado.

Neste escenario, en vista de que o suposto plan de rehabilitación do que no seu día "falaba" Conde Roa "ou tarda demasiado ou era mentira" e de que o "espectáculo mediático foi desproporcionado", avanzaron a petición da absolución para os 12 procesados e tamén aseguraron que desexarían ver o cinema "aberto para a cultura".

"NON FOMOS A FODER NINGÚN PLAN DE REHABILITACIÓN"

Roi e Iria incidiron, en declaracións aos medios, na "criminalización" do caso. "Todos temos lixivia na nosa casa e os extintores que había eran os da propia sala", remarcou, para concluír que, en todo caso, a 'okupación' de antigo cinema se centrou na difusión de "contidos culturais".

"Tampouco fomos a joder ningún plan de rehabilitación", remarcou Iria, quen incidiu en que a sala se limpara e acondicionado, mentres que agora continúa en estado de abandono.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Onde están as Mareas...? Onde está o apoio popular aos que deron un paso adiante cando máis falta facía...? ADIANTE un desaloxo, outra Okupación !!! https://youtu.be/y-CSCzy-x0c?t=12m4...