O noso benquerido Centro Galego de Bos Aires

Quero manifestar que sinto moita tristeza aínda que manteño a esperanza de que a actual crise no Centro Galego de Bos Aires poida ser superada. A tristeza sae da decepción por impotencia diante dun escenario inestable no que periga a pervivencia da entidade galega máis importante da Galicia exterior.

Por Manuel Suárez | Bos Aires | 07/10/2016

Comparte esta noticia
Levo varias décadas divulgando, con maior ou menor acerto, o mérito do esforzo emigrante que ergueu na esquina de Belgrano e Pasco un fogar de identidade para sandar feridas do corpo e do espírito. Estiven alí infinidade de veces e coñecín a ducias de directivos e fixen moitos amigos desde os tempos da primeira presidencia do noiés Sánchez Millares. 
 
As visitas enchen o meu corazón de goce identitario. Síntome agradecido por poder facer un percorrido por diante dos seguintes nove cadros: 1) A familia do cego (Castelao); 2) O cego (Castelao); 3) Feira de Ourense (Colmeiro); 4) Nena no campo (Colmeiro); 5) Conto de nenos (Laxeiro); 6) Muiñeira (Seoane); 7) Nacemento (Díaz Pardo); 8) A sesta (Maside; 9) Emigrantes (Seoane). Non esquezo a emoción de cando entrei por primeira vez no cuarto onde morreu Castelao na compaña do moi xeneroso Rodolfo Prada Chamocín.
 
Recomendo aos parlamentarios galegos que fagan unha visita ao Centro Galego de Bos Aires. Sei que volverán para Santiago de Compostela cheos de orgullo por ser parte activa da etnia de honrados emigrantes que non esqueceron o lugar onde estaban as raíces. Os actuais parlamentarios teñen a obriga de axudar a reparar e solucionar un problema de xestión administrativa que vai camiño de entregar un valioso patrimonio ---a prezo de saldo--- para beneficio exclusivo dun grupiño de indecentes intermediarios que buscan a privatización dunha institución de carácter asociativo-mutual.
 
O que debemos de entender é que seguimos en débeda coa diáspora galega. Quero dicir que recibimos moito máis do que nestes pasados lles fixemos chegar en concepto de subvencións sociais ou culturais. Dito isto, é de xustiza que poidan contar coa Xunta de Galicia cando hai un problema. Os socios do Centro Galego non son orfos. Teñen unha familia con máis de 3 millóns de irmáns que sempre está disposta para quitar os atrancos freadores do seu camiño. É evidente que na xestión administrativa houbo erros. Hai moitos directivos que están decepcionados pero aínda non se renderon pero hai outros que están no lado escuro para aproveitarse da crise e sacar tallada.
 
Habería moito que comentar dos acontecementos que nos puxeron na actual situación.  Escribín varios artigos desde a demisión do último presidente electo, Carlos Alberto Vello Pombo, que foron mal recibidos polas tres agrupacións que lle retiraron o seu apoio. Hoxe estamos moito peor xa que gañaron posicións os inimigos do servizo mutualista de asistencia médico-hospitalaria. Agora quero facer unha proposta para promocionar os fondos artísticos do Centro Gallego de Bos Aires. Hai anos que lle comentei ao presidente Álvaro Campos unha idea que  pensaba era un bo xeito de poñer en valor a achega dos galegos aos acolledores cidadáns arxentinos. 
 
A proposta sigue en pé. Hoxe fágoa presente para colaborar no salvamento do Centro Galego de Bos Aires. Ofrezo a miña humilde persoa, de xeito gratuito, para facer de guía en visitas organizadas á Pinacoteca Social. Trátase de que os participantes do Emotional Tour coñezan a historia de Galicia a través de obras pictóricas que nos levarán de viaxe pola vida dun pobo que deixou o seu paraíso atlántico para sementar honradez en terras arxentinas. A visita debería de comezar fóra do Centro Galego. O mellor inicio é diante do óleo “A derradeira leición do mestre” de Castelao. Alí, un amigo meu de Santa Cristina de Vinseiro ---que por certo, manda moito no Centro Galicia--- estaría encantado de atender aos visitantes. Non dubido que os participantes queden indiferentes fronte aos interesados ataques contra dos suadores emigrantes da nobre Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA