Investigadores galegos achan un marcador que identifica células tumorais que eran indetectables

Os científicos desenvolveron unha estratexia para mellorar o illamento de células tumorais circulantes a partir de sangue de pacientes con cancro de próstata, mama e colon metastásico.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2016 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

O grupo de oncoloxía médica trasnacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (Idis), en colaboración co INL de Braga e no marco do proxecto InveNNta, desenvolveu unha estratexia para mellorar o illamento de células tumorais circulantes (CTCs) a partir de sangue de pacientes con cancro de próstata, mama e colon metastásico.

A científica Clotilde Costa
A científica Clotilde Costa | Fonte: IDIS.

Os resultados do estudo foron publicados pola revista Plos One, a primeira de acceso aberto multidisciplinar do mundo e que publica investigación orixinal de todas as disciplinas dentro da ciencia e a medicina.

O traballo, no que participa o grupo que dirixe o xefe do servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico de Santiago, Rafael López, desenvolveu unhas nanopartículas magnéticas capaces de illar células tumorais circulantes (CTCs) con maior eficiencia que os métodos actuais (CellSearch).

Segundo explica a principal asinante do artigo, Clotilde Costa, "o procedemento baséase no inmunoillamento das células tumorais a través do uso dun marcador alternativo en combinación o que se emprega de xeito estándar: EpCAM (unha molécula epitelial), trátase do receptor de membrana EGFR (Epitelial Growth Factor receptor)".

Ademais, segundo revela o estudo, nos pacientes nos que se detectan células tumorais circulantes positivas co novo marcador (EGFR) presentan un peor prognóstico á enfermidade. "Polo tanto, propúxose EGFR como un marcador alternativo a EpCAM para o illamento de CTCs e como marcador prognóstico de enfermidade", indicou Clotilde Costa.

Os métodos actuais de illamento de CTCs presentan limitacións, xa que as células durante o proceso metastásico sofren cambios na expresión dos seus marcadores. Xa que se trata dun proceso dinámico, basear o illamento unicamente nunha molécula epitelial como é EpCAM limita moito a técnica, o que fai que nalgúns casos non se detecten CTCs cando en realidade si que están no sangue. Co novo marcador é posible detectar células indetectables cos métodos actuais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Merucu Xusticieru

Moitas grazas polo voso traballo !!!!! Espero que permita salvar moitas vidas. Grazas