Por E.P. | VIGO | 07/10/2016 | Actualizada ás 12:01
O viúvo da muller que faleceu o pasado 14 de xaneiro nun corredor do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo tras esvaecerse e permanecer unha media hora tendida no chan, conseguiu máis de 91.800 sinaturas en apoio á súa petición para que a Consellería de Sanidade esclareza "como e por que morreu" a súa muller.
Na súa petición na plataforma Change.org, que superou as 91.800 sinaturas en menos de dúas semanas, Francisco Javier Barros explica que a súa muller, Rosi, "a mañá do 14 de xaneiro, tras saír do traballo (traballaba pola noite), foi ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para visitar a súa nai. Entrou pola porta principal ás 6,25 da mañá. E morreu".
Tal e como expón, a súa muller pasou entón "35 minutos abandonada" no corredor principal do que din que é o hospital máis moderno de Galicia". Ante os acontecementos, indicou que solicitou o vídeo de seguridade do hospital, pero lle dixeron que "o borraron".
O home explicou que na autopsia consta que a súa muller tivo "un fallo cardíaco", se ben apuntou que "a cuestión agora é saber se o hospital podía facer algo máis", polo que segue reclamando os vídeos. "Sen esas gravacións nunca poderei saber se se podía facer máis", apostilou.
Así as cousas, pediu a colaboración cidadá para reclamar á Consellería de Sanidade que esclareza "de todo" a morte da súa muller, xa que, engadiu, despois de nove meses non ten máis información. "Teño dereito a saber que aconteceu, ¿como é que ninguén atendeu a Rosi, no corredor principal do hospital?", remata.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.