Temas: PUBLICIDADE

A Xunta precisa que certos contratos de publicidade institucional dependen de acordos marco

A Secretaría Xeral de Medios precisa que a campaña axudicada estes días cun goberno en funcións estarían dentro deste acordo.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 08/10/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Secretaría Xeral de Medios acaba de contratar unha campaña para a elaboración, produción e plan de medios da campaña do 4 de outubro e Día internacional dos animais. Un concurso que gañou o Grupo de Empresas de Comunicación Marketing e Investigación S.A. por 67.000 euros –Sen IVE-- e que se realizou co goberno da Xunta en funcións.

Publicidade aparecida en La Voz de Galicia sobre unha campaña de Violencia de xénero
Publicidade aparecida en La Voz de Galicia sobre unha campaña de Violencia de xénero

Sen embargo, este departamento informa que esta contratación forma parte do “Acordo marco dos servizos de elaboración, produción e plan de medios de campañas institucionais da Xunta de Galicia en datas relevantes para a Comunidade Autónoma, dos anos 2015 e 2016”. Polo tanto, apunta que está exento das recomendacións dadas pola Asesoría Xurídica da Xunta para que non haxa licitacións durante a época na que o executivo está en funcións.

Este acordo, de 1,75 millóns de euros, ten por finalidade a elaboración e execución de campañas de publicidade e de comunicación nos anos 2015 e 2016 coa elaboración dun plan de medios, que inclúa as distintas campañas, e a elaboración, produción e execución desas campañas. Este convenio marco tamén recolle que, “tendo en conta o período de duración do contrato e despendendo das necesidades de difusión e comunicación, está prevista a realización de distintas campañas de publicidade e comunicación”.

Deste xeito contrataranse “campañas principais” --17 de maio, Día das Letras Galegas e 25 de xullo, Día de Galicia-- e outras campañas “menores sobre datas sinaladas e de alcance institucional a definir pola administración”, que é no que se incluiría o concurso que a Secretaría Xeral de Medios acaba de licitar estes días.

Este departamento tamén precisa no prego de condicións que estas campañas “teñen carácter estimativo e non vinculante” e, polo tanto, non existe a obriga de contratación dun número determinado de campañas, nin está establecido o importe de cada unha delas.

Sen embargo, non acontece así con outras campañas de publicidade institucional aprobadas estes días, co goberno da Xunta en funcións, e que sumán máis de 1,1 millóns de euros, entre elas, unha de 365.216 euros –sen IVE-- de Turismo de Galicia para a elaboración, produción e plan de medios da campaña de promoción dos recursos naturais e culturais de Galicia durante 2016, adxudicado xa a Proximia Havas.

Temas: PUBLICIDADE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta