A Xunta en funcións segue adxudicando contratos a pesar das recomendacións da Asesoría Xurídica

Turismo de Galicia patrocina con 125.000 euros dous concertos que xustifica pola “repercusión mediática” que xeran. Tamén adxudicou por 365.000 euros a elaboración, produción e plan de medios da campaña de promoción dos recursos naturais e culturais de Galicia durante os últimos tres meses de 2016.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/10/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Turismo de Galicia acaba de asinar dous novos contratos baixo a modalidade de patrocinio por exclusividade –polo que non hai posibilidade de que accedan outras empresas-- para a “promoción do turismo de Galicia” en dous concertos, o de Leiva e o dos Chemical Brothers.

Feijóo con Nava Castro na promoción dun evento turístico
Feijóo con Nava Castro na promoción dun evento turístico | Fonte: Xunta.gal

O contrato foi adxudicado a Esmerarte Industrias Creativas que é a organizadora dos eventos por 125.000 euros, 100.000 no caso dos Chemical Brothers e 25.000 no caso de Leiva. Esta contratación prodúcese cun goberno en funcións e sen que sexa posible, segundo un informe da Asesoría Xurídica da Xunta, de realizar adxudicacións cun goberno en funcións.

A modalidade escollida, a do patrocinio por exclusividade, dá lugar a “serias dúbidas de legalidade” segundo as fontes xurídicas consultadas porque, no fondo trátase dunha adxudicación a unha empresa concreta, aínda que sexa polo procedemento do patrocinio.

Desde Turismo de Galicia defenden esta modalidade de contrato porque din que, “o eido do marketing turístico, unha das fórmulas de promoción que mellor retorno xeran sobre o investimento é o patrocinio de grandes acontecementos tanto culturais como de outra índole (deportivos, artísticos, etc)”.

“A razón pola cal os entes de promoción e os gobernos en xeral deciden apoiar economicamente este tipo de eventos é a importante repercusión mediática que xeran, de tal xeito que, en moitos casos, o investimento económico chega a multiplicarse de forma exponencial en función da importancia do evento”, aclara en declaracións a GC.

Este novo concurso súmase a outro do mesmo departamento, tamén adxudicado cun goberno en funcións. Trátase dun contratao de 365.216 euros –sen IVE-- para a elaboración, produción e plan de medios da campaña de promoción dos recursos naturais e culturais de Galicia durante 2016, adxudicado xa a Proximia Havas

“PROMOCIÓN DOS VALORES TURÍSTICOS DE GALICIA”

Turismo de Galicia destaca que, dentro das súas funcións, están a de promocionar os valores turísticos de Galicia. “E unha das canles máis efectivas para isto é a través de grandes eventos mediáticos, polo que é interesante o apoio a aquelas actividades culturais que se desenvolvan dentro da Comunidade e que axuden a prestixiar o destino”, engade en declaracións a GC.

Así, suliña que a apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago de Compostela con motivo da celebración do Xubileu Extraordinario da Misericordia (do 13 de decembro de 2015 ó 20 de novembro de 2016) está a levar consigo unha crecente afluencia de peregrinos e turistas á cidade creándose unhas condicións propicias para esta promoción e a súa vez apoiar o complemento da oferta cultural que a cidade de Santiago ofrece aos seus visitantes nestas datas”.

PUBLICIDADE NOS CONCERTOS

Por iso, defende o patrocinio destes dous concertos, especialmente, o de Chemical Brothes porque “presenta o seu novo traballo “Born In The Echoes”, con catro únicas datas en España, e que volve a Galicia despois de 12 anos. “Servirá para poñer a Santiago de Compostela no eixo do panorama musical internacional”, indica.

E en que consiste este patrocinio?. Segundo Turismo de Galicia a empresa organizadora ten que darlle 25 invitacións a esta axencia, nas que debería figurar o logotipo de Turismo de Galicia. Ademais, haberá un espazo publicitario prioritario nas áreas e elementos de maior impacto visual do recinto onde se celebre o concerto instalando a publicidade institucional de Turismo de Galicia en Lonas en cubre-PAs ou frontal do escenario principal, publicidade en valos e outros elementos.

Tamén haberá publicidade institucional nos materiais de comunicación do concerto. Así, o adxudicatario  reservará  un  “espazo prioritario” para  o  logotipo e marca de Turismo de Galicia coa categoría de patrocinador principal que figurará en todos os materiais de comunicación do concerto: Web oficial, anuncios en calquera medio e soporte, materiais audiovisuais promocionais, comunicados, cartelería, etc.

Asemade, na rolda de prensa de presentación do concerto dentro da programación cultural do 'Ano Xubileu da Misericordia',  adxudicatario comprométese a realizar unha rolda de prensa de presentación do concerto dentro da programación cultural do Ano Xubileu da Misericordia, na que se convocará a medios xeneralistas e especializados en música e lecer para presentar o cartel definitivo da programación de concertos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Breoghain

Demencial. 100.000 para uns fodechinchos e 25.000 para uns charnegos. E a música galega que lhe dem !! Governo mafioso nacionalista espanhol a gobernar na Galiza. Quento se levará a empresa organizadora e quem hóstia é o propietario????