Salvemos o diferente

Salvemos o diferente que hai na nosa terra. Cando catástrofes coma o furacán Matthew asolan Haití e outras zonas desafortunadas do planeta, resulta procedente que fagamos un esforzo pola nosa parte para defender o que está suxeito aos efectos devastadores do paso do tempo e ás desfeitas que provocamos os seres humanos.

Por Ramón Torrado | Noia | 10/10/2016

Comparte esta noticia

Salvemos, por exemplo, os cruceiros, que foron estudados con paixón por xente como Castelao - en Galicia e tamén na Bretaña francesa – ou como a miña propia prima Ledi Lustres da mesma zona de Rianxo. Tamén hai que respectar tódolos restos arqueolóxicos, as praias e os montes.

Salvemos elementos que aparecen na paisaxe galega sendo devorados polas hedras, como unha ponte medieval que se encontra en Carballiño, unha casa señorial que luce asfixiada na zona vella de Cambados ou un pequeno hórreo e un cruceiro situados en pleno Camiño Portugués e polo tanto moi á vista de peregrinos e viaxeiros que pasan por A Escravitude en Padrón.

Salvemos as mazás do país. Semella que a xente se conforma cos dez ou doce tipos de mazás que se encontran nas froiterías ou supermercados, pasando indolentes xunto a mazás de tipos menos coñecidos que están tiradas polos camiños de Galicia. Salvemos cada mazanceira autóctona, clasificando os froitos que dan e coidando que esas clases non desaparezan.

Salvemos as fontes que amaba Rosalía. Aínda recoñecendo o encanto romántico do abandono e das ruínas, tal vez sería boa idea catalogar tódalas nosas fontes, investigando no entorno para darlles un nome e intentando evitar o seu deterioro, sendo como son portadoras do líquido tan prezado e de grande calidade que nos brindan día e noite.

Salvemos os nosos tesouros. Que amarga sorpresa este verán ó visitar por primeira vez o Cabo Vilán! Nin sequera o fermosísimo cadro en movemento que creaban as ondas verdes que bañan a ruta que leva ó Cemiterio dos Ingleses pode facer que se esvaeza o efecto da visión dunha escura desecración da beleza que sorprende baixo os dominios do faro.

Salvemos o noso idioma e o que a nosa cultura produce. Un estudo di que en outubro de 2016 na cidade de A Coruña soamente un de cada dez nenos fala galego. Será certo? Que nunha cidade na que viviu Rosalía de Castro suceda isto é moi grave. Algo se está facendo mal. Un exemplo: que en Luar - programa que eu defendín nun artigo hai anos ó ver en Madrid a infame dobraxe ó español que de Gayoso e dos demais presentadores ofrecía unha canle local de televisión – se presente para todos os públicos un porco aberto en canal ou un concurso de chistes de pésimo gusto non pode ser de axuda.

Salvemos ese proxecto faraónico de Manuel Fraga que é a Cidade da Cultura. Xa mellorou algo coas cores que ofrece á noite en Compostela. Unha idea: convidar a escritores e artistas para que a visiten, pedindo – á maneira de Man en Camelle - que deixen alí un fragmento de escritura ou un debuxo improvisado sen saber de antemán o tema do mesmo.

Salvemos, no plano persoal, os diamantes escondidos entre o óxido. Que non se destrúan cartas, postais, fotos, diarios ou demais documentos que teñen valor inmaterial, pois cobrarán outro tipo de valores co paso do tempo. Salvemos tamén aos nenos de afogarse nas tecnoloxías, pasando máis tempo ó aire libre xogando, lendo e tendo aventuras cara a cara coa xente.

Salvemos o talento e o vigor. Canta mocidade galega ten que irse a outros países? Prodúcense descubrimentos científicos por xente nova que aínda está aquí, e desa maneira aportamos beneficio a todo o planeta. Coincidindo co éxodo dos mozos, baléiranse as aldeas, pérdense formas de fala e de vida que creaban diversidade.

Salvemos o noso folclore e a nosa música. Neste verán de 2016 a canción máis popular nas romarías foi a inane “Duele el corazón”, cun retrouso que causa pudor expoñer aquí. Mentres, ó igual que sucede no mundo dos libros, quedan artistas valiosos da nosa terra sen recoñecer mentres que os de sempre acaparan voraces as aparicións nos medios, os chamados photo-calls e os premios.

Salvemos os queridos ríos e as nosas impresionantes rías, estas últimas cunha dimensión de beleza dun nivel mundial. Coidemos que a contaminación e o feísmo non estraguen o que nos foi legado e toda a paisaxe que ocupamos os galegos.

Salvemos, en definitiva, o que é digno de ser salvado, e aqueles puntos de luz da nosa xeografía que nos outorgan distinción. Son o que os turistas cultos queren ver, o que nos pode producir un lexítimo orgullo, o que crea unha imaxe de quen e como somos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.