Integrarmos a diferenza

Os valores de inclusión e cohesión social propios dunha sociedade moderna e democrática esixen integrarmos aos diferentes. Nenos e nenas con diversidade funcional, aqueixados de parálise cerebral, síndrome de Down, cardiópatas ou sofridores de doenzas graves non están a ser integrados a xeito no sistema educativo galego. E as súas necesidades tampouco están a se fornecer no noso sistema sanitario.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 09/10/2016

Comparte esta noticia

Lemos e escoitamos día a día historias de diferentes crianzas que sofren discriminación pola súa condición diferente no noso sistema público (a situación en centros concertados é aínda peor). Se a crianza non controla os seus esfínteres non hai recursos que atendan á súa limpeza e comodidade. Chaman pola nai (sempre pola nai) para que deixe traballo ou ocupacións e vaia á escola atender á filla. Os recurtes da dereita non dotan aos centros de persoal non docente que poida atender estas necesidades e outras como axudarlles cos seus problemas de mobilidade ou darlles as menciñas e tratamentos.  Carencias impropias dunha sociedade avanzada.

Mais tamén o SERGAS desatende as necesidades destes nenos e nenas. As persoas que sofren parálise cerebral requiren de fisioterapia continua para superar a dor e a rixidez dos espasmos que sofren. As crianzas aqueixadas de cardiopatía requiren de fisioterapia respiratoria continuada. Pois ben, esta continuidade se lles nega. Aténdeselles por quendas e con meses de interrupcións entre elas, frustrando os resultados terapéuticos que esta continuidade obtería.

Non falemos xa dos Centros especiais que tiveron que pechar pola supresión ou redución das axudas. Ou do abandono total das políticas de  integración polo emprego das persoas con diversidade funcional. O caso de ASPANAS TERMAL en Ourense amosa ben ás claras o desleixo da Xunta a respecto deste obxectivo.

Coma sempre, as carencias do público atopan na cidadanía unha axeitada resposta para cubrilas. Profesores que atenden esas necesidades materiais non educativas que habería fornecer o persoal non docente que non existe, nenos e nenas atentos a axudar aos seus compañeiros… Mais para integrarmos a diferenza compren solucións políticas e non solidariedade voluntarista.               

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.