Á rúa contra o albariño de California

Os tratados de libre de comercio implican a limitación do poder xudicial e lexislativo en favor das multinacionais en aspectos como, por exemplo, as denominacións de orixe ou a protección da natureza. Estas son algunhas dos argumentos que esgrime a Campaña Non ao TTIP Galiza para convocar unha manifestación este sábado. Falamos co voceiro da plataforma Ernesto X. Paz de aspectos como, entre outros, a impopularidade do TTIP nalgúns países e o actual estado das negociacións.

Por Manuel Vilas | Vigo | 15/10/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Este sábado está convocada unha marcha en protesta contra o Tratados de Libre Comercio en Vigo. Por que se escolleu esta data? 

Ernesto X. Paz, voceiro da plataforma Non ao TTIP Galiza
Ernesto X. Paz, voceiro da plataforma Non ao TTIP Galiza

Actualmente existen varios Tratados de Libre Comercio (TLC) en desenvolvemento que afectan a diversas áreas e estados do mundo. Isto fai que haxa espazos e organizacións cunha loita con obxectivos comúns, e concretamente durante este segundo semestre do 2016 concéntranse varios procesos clave en varios destes TLC. De aí que se decidira facer o denominado Outono en Resistencia, onde, durante ese período en distintas datas, cada zona creará un fluxo continuo de accións e mobilización ao longo de todo o planeta. 

Como animaría aos cidadáns a participar?

É clave deter estes TLC porque o único que supoñen é a absoluta perda da soberanía dos pobos en prol das multinacionais. A presión popular xa ten conseguido adiar a aprobación dos mesmos, e inserir importantes cambios na súa estrutura. Os vindeiros meses son clave en poder detelos e por iso temos que saír á rúa a dicir Non aos Tratados de Libre Comercio!!

Que sentido ten hoxe en día protestar contra os tratados de libre comercio entre nacións? Ten algún sentido económico o proteccionismo nos tempos que corren? O comercio global non é algo bo por natureza?

A Asociación Amigos da Terra desprega un cabalo de Troya inflábel en Vigo para protestar contra o tratado TTIP
A Asociación Amigos da Terra desprega un cabalo de Troya inflábel en Vigo para protestar contra o tratado TTIP | Fonte: ilcanallarubens.wordpress.com

É que o problema é precisamente que os Tratados de Libre Comercio eliminan a soberanía das nacións. Non é unha cuestión de proteccionismo económico, é que, literalmente, o ICS (Sistema Xudicial de Inversores) ou o Organismo de Cooperación Reguladora, eliminan o sistema xudicial e o lexislativo que hoxe coñecemos. No marco dos TLC as empresas transnacionais son as que van marcar que leis se aproban e cales non, e onde se crea un marco xurídico no cal a obtención de beneficios das transnacionais está por riba do respecto dos dereitos das persoas e o medioambiente. Estamos falando da substitución do goberno público, con todas as súas carencias, por un modelo de goberno privado, onde as persoas mandatarias son os consellos de administración desas empresas. O comercio global está baseado en formulacións neoliberais que conducen precisamente cara a unha maior concentración de poder e unha maior creba social, onde a maioría das persoas e o planeta mesmo son os grandes prexudicados.

Por exemplo, un dos produtos que Galicia máis exporta aos Estados Unidos é o viño. Non aportará vantaxes o TTIP ao viticultores e as bodegas ao facer máis doado exportar o viño galego a un mercado tan enorme como o dos EE.UU.?

O TTIP unha das cuestións que busca eliminar son as denominacións de orixe, de tal maneira que unha empresa de EE.UU. poida desenvolver, por exemplo, un albariño en California e vendelo como tal e calquera parte do mundo. Por outra banda, a entrada en vigor do TTIP en si implicará que as grandes transnacionais “devoren” o mercado, acabando na práctica coas pequenas e medianas empresas.

Cal é o estado actualmente das negociacións do TTIP entre a UE e os Estados Unidos? Existen posibilidades de que aprobe pronto?  

Acaba de ter lugar a 15ª Rolda de negociacións a semana pasada en Nova York, e as negociacións aínda que se atopan en punto morto neste intre, non están rotas, nin moito menos. As eleccións estadounidenses condicionan de xeito claro as negociacións. Pero a Comisión Europea, pretende avanzar o marco o máis que poida para partir dunha situación avanzada coa chegada da nova persoa que ocupe a presidencia. Ben é certo que empezan a ser abondosos os comentarios de diferentes dirixentes de que vai ser imposible un acordo e que probablemente non chegue a bo porto, pero en xeral débese moito a un contexto electoral (Francia e Alemaña terán presidenciais no 2017, e o TTIP alí é moi impopular) e a unha estratexia de “suavizar” o contexto e dar entrada á aprobación do CETA.

E como inflúe o Brexit nas negociacións?

Respecto do Brexit, aínda que todas alarmas soaron cando se produciu, realmente non ten importancia de cara ao estabelecemento dun TLC se se quere aprobar. Simplemente adiou un pouco o proceso, pero lembremos que Suíza, por exemplo, non pertence á UE pero ten acordos comerciais bilaterais que levan moitos anos funcionando.

Vostedes tamén protestan contra outros dous tratados o CETA e o TISA. En que consisten e que consecuencias concretas poden ter para a economía galega?

O CETA é un acordo de características moi similares ao TTIP, só que no canto de ser entre a UE e EE.UU, é entre a UE e Canadá. O CETA lévase negociando xa dende hai 5 anos e está moito máis avanzado que o TTIP, pois xa se atopa en proceso de aprobación. A aprobación do CETA implicaría ademais unha vía indirecta de aprobación do TTIP, pois as empresas europeas e estadounidenses, simplemente terían que instalarse dalgún xeito en Canadá para poder empregar entre si os mecanismos do CETA. E o TISA, é o TLC do que menos se sabe, pois é do que menos filtracións se teñen (lembremos que todos estes tratados están a se negociar de costas á cidadanía e das institucións democráticas). O TISA implica a desaparición dos servizos públicos e a creación dun espazo conformado polos 52 estados máis enriquecidos e as grandes empresas transnacionais dende onde se decidirían as liñas políticas estratéxicas globais. Galiza, coa aprobación destes tratados (igual que o resto de partes do mundo) perdería a súa soberanía que pasaría a depender directamente da vontade das multinacionais, converténdose así nun espazo subsidiario das mesmas.

Que modelo de comercio defenden vostedes fronte a un comercio global, desregulado e sen fronteiras que promoven este tipo de tratados?

Non hai un modelo concreto en si, pois a Campaña Non ao TTIP Galiza confórmase de diferentes sensibilidades, pero si coincidimos en que o comercio e o investimento non se poden basear no beneficio dos especuladores financeiros e das empresas multinacionais, nin na eliminación programada e progresiva dos servizos públicos. Búscase que os servizos públicos sexan accesibles, de calidade e sen custo. Os dereitos sociais son dereitos inalienables, polo que non poden depender exclusivamente da lóxica do mercado, senón que se trata de asegurar unha calidade de vida digna para todos e en todas partes, en estreito nexo co exercicio real da democracia.

Cales son as próximas mobilizacións que ten en mente a Plataforma para este outono?

Este outono seguiremos facendo forza para continuar sumando Concellos que se declaren libres dos TLC. En Galiza, que é un dos territorios con máis concellos así declarados, xa somos 23 concellos contra os TLC e temos que seguir medrando. Ademais seguiremos percorrendo o territorio galego facendo accións de sensibilización e de rúa para informar e activar á cidadanía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Anxo

Non podo seguir leendo, despois das tonterías que atopei. De verdade creedes que se pode limitar o tema das castes de uva? Pero se xa existen ágora, e en Cataluña. CANTA IGNORANCIA!!!