Por fin, India

GC inaugura a sección 'Cartas de Marco Polo', con crónicas que o profesor e lingüista Gabriel Rei-Doval remitirá desde a India nas vindeiras semanas. Pódese seguir a súa peripecia a través do tag #cartasmarcopolo.

Por Galicia Confidencial | India | 19/10/2016 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A comezos de setembro, mentres contaba ó meu camarada Vicente López de Houston deste longo periplo pola India, chamoume Marco Polo galego do século XXI, descomunal agasallo verbal este ó que apenas puiden retrucar cun telefónico sorriso invisible formato "namasté". E vaia coincidencia que, en saíndomos mércores 12 do aeroporto de Delhi, houbemos de bater cun autobús local "Tata Marcopolo" que me fixo recupera-lo sorriso pola aínda fresca lembranza do Vicente. Eu xa lle contara que a razón da miña viaxe era maiormente turístico-espiritual-meditativa, mais el dálle que tes con agasallos telefónicos a esgalla.

Gabriel Rei-Doval, na India Gate
Gabriel Rei-Doval, na India Gate

Camiño de Connaught Circus, onde me puiden finalmente desprender da pesada mochila, decateime da teima india de usa-lo cláxon con excesos para min ata agora descoñecidos salvo en cabreos supinos de urbanita caprichoso e malcriado. Ata o día seguinte Vikash non me contou do normal que para os indios era utilizaren tan automobilístico accesorio, que ademais de dar saída á masculinidade hormonal excesiva permite de paso alertar da proximidade -máis ca ameazar acusticamente- ó vehículo precedente. E ata quizais teña sentido entre tanto auto rickshaw a adiantar por xalundes imprevistos.

Nada máis saír do meu guest house tomei conciencia do meu novo status de rupia andante. Pel branca e verde ocular son trazos dificilmente indios, salvo matrimonio mixto ou experimento xenético descoñecido por estes lares. Así que, en lugar de cabrearme pola necesidade do outro preferín mimetizarme co sorriso namasté co que tamén me recibira o educado taxista do aeroporto. Todo un test de adaptación rápida, sen tempo ningún para ensaios preliminares. O que máis difícil me resultou foi a pregunta dun condutor de tuc-tuc de se non sabía outra palabra en inglés máis ca "thanks"; ás veces o adestramento ante a necesidade excede os límites da gratitude do viaxeiro, e só cómpre ofrecer como resposta un amigable silencio neutro. Máis difícil de dixerir porén foi a saída daquel coitadiño mozo de mirada perdida desde unha beirarrúa, avanzando de vagariño sobre dous muñóns e retorcidos pulsos; supoño que foi a deformidade da senlleira experiencia o que rompeu o meu corazón de xeito imprevisto. Claro que para un occidental verde-rupia o delicioso biryani do serán e o conseguinte mango lassi permiten entrar en amnesia vespertina.

O día seguinte, unha rafa máis adaptado ó cotián sufrimento indio e coa compaña agasalleira de Vikash, as cousas foron máis fáciles e riseiras para este humilde marco-polo mugardés en Delhi. Pero esa historia e a visita uplifting á Indira Gandhi National Open University é xa unha historia diferente, que debe ser contada noutro tempo -e quizais tamén lugar- cando pasen as sensacións de mal de altura que por momentos documentan a miña moi recente escalada automobilística ata McLeod Ganj, o corazón tibetano da India.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta