Primeira derrota do Lugo

Un gol do Xetafe no minuto 84 racha coa xeira histórica de nove xornadas sen perder dos lucenses. O árbitro non sinalou un penalti claro a Carlos Pita antes do descanso. O Lugo queda con 17 puntos e a vindeira semana visita o Reus.

Por gcdeportes | Lugo | 15/10/2016 | Actualizada ás 19:26

Comparte esta noticia

Ficha técnica
CD Lugo 0:
Xose Xoan; Jordi Calavera, Carlos Hernández, Ignasi Miquel, Manu; Seoane, Carlos Pita; Iriome (Pablo Caballero, 70’), Campillo (Sergio Gil, 76’), Pedraza (Carmona, 82’) e Joselu.
Xetafe 1: Alberto García; Damián, Cata Díaz, Cala, Molinero; Faurlín, Lacen; Álvaro (Facundo Castillón, 60’), Portillo (Paul Anton, 68’), Pacheco e Stefan Scepovic (Kike Sola, 87’).
Gol: 0-1: Scepovic (minuto 84).
Árbitro: De la Fuente Ramos (castelán). Amarelas ao lucense Manu (minuto 87) e a Lacen (minuto 24) no Xetafe.
Incidencias: partido da décima xornada da Segunda División no estadio Anxo Carro ante 3.800 espectadores.

Disparo cruzado e ocasión errada para Joselu.
Disparo cruzado e ocasión errada para Joselu. | Fonte: lfp.es

Non mereceu perder o Lugo, pero o Xetafe, con moito oficio e poucos méritos, marcou no minuto 84, levou os tres puntos do Anxo Carro e rachou coa histórica xeira de nove partidos sen perder do equipo lucense. Na décima xornada de Liga, chegou a primeira derrota do Lugo de Luis César.

Os lucenses tentaron levar a iniciativa dende o arrinque do partido, pero a presión do Xetafe dificultou o xogo local. A primeira ocasión de perigo foi para os visitantes no minuto 9, pero Xose Xoan detivo en dous tempos o disparo de Pacheco. Ao Lugo costáballe achegarse á area madrileña, cun rival ordenado, que non concedía nada en defensa e que tentaba trabar todo o que podía o partido. Xose Xoan tivo que despexar a córner un remate coa testa de Scepovic. Os lucenses tiveron catro saques de esquina no primeiro tempo, e no último reclamaron penalti a Carlos Pita por un claro agarrón de Cata Díaz, pero o árbitro non o sinalou.

O encontro estivo máis movido na reanudación, e Pedraza foi o primeiro en buscar o gol cun lanzamento dende o bordo da área que petou nas mans de Cala. O Xetafe volveu crear perigo cun remate de Pacheco que rozou o pau esquerdo da portaría lucense. Reaccionaron os de Luis César. Alberto García despexou como puido un disparo de Carlos Pita e os lucenses tiveron a ocasión máis clara no ecuador do segundo tempo cun remate demasiado cruzado de Joselu.

O Lugo acusaba o esforzo sen premio, e o Xetafe estirouse un chisco. O gol chegou tras unha falta inexistente sinalada a Pablo Caballero. Centro á área dende a dereita e remate coa testa de Scepovic para facer o 0-1. Carlos Hernández, tamén coa testa e a balón parado, tivo o 1-1 no tempo engadido, pero Alberto García evitou o empate e o Lugo encaixou a primeira derrota desta Liga, xa na 10ª xornada. A vindeira cita, en Reus.

Os xogadores lucenses protestan ao árbitro ao final do encontro.
Os xogadores lucenses protestan ao árbitro ao final do encontro. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta