Pouco Dépor no Camp Nou

O equipo deportivista, que apenas creou perigo na meta rival e acabou con dez pola expulsión de Laure, cae 4-0 co Barcelona. O árbitro non sinalou unha agresión de Luis Suárez a Arribas con 2-0 no marcador. Os de Garitano aínda non marcaron lonxe de Riazor.

Por gcdeportes | A Coruña | 15/10/2016 | Actualizada ás 20:19

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
FC Barcelona 4:
Ter Stegen; Mascherano, Piqué, Mathieu; Arda, Rakitic, Sergio Busquets (Messi, 55’), Digne; Rafinha (Denis Suárez, 73’), Luis Suárez (Paco Alcácer, 46’) e Neymar.
RC Deportivo 0: Poroto Lux; Laure, Raúl Albentosa, Sidnei (Arribas, 29’), Fernando Navarro; Celso Borges, Pedro Mosquera, Guilherme; Emre Çolak (Ryan Babel, 55’), Bruno Gama (Luisinho, 63’) e Florin Andone.
Goles: 1-0: Rafinha (minuto 21). 2-0: Rafinha (37’). 3-0: Luis Suárez (43’). 4-0: Messi (57’).
Árbitro: Sánchez Martínez (murciano). Expulsou a Laure no minuto 64 con vermella directa. Amarelas a Pedro Mosquera (52’) e Florin Andone (60’) no Deportivo.
Incidencias: partido da 8ª xornada de Primeira disputado no Camp Nou ante 83.553 espectadores.

Sidnei marcha mancado, sendo substituído por Arribas.
Sidnei marcha mancado, sendo substituído por Arribas. | Fonte: lfp.es

“Cando perdes 4-0, non tes potestade para opinar do árbitro”, sentenciou Gaizka Garitano ao final do partido. O árbitro errou, pero o Dépor apenas ofreceu resistencia ante o Barça e nunca deu sensación de crer nas súas posibilidades de puntuar no Camp Nou. Rafinha marcou nos minutos 21 e 37, o segundo en fóra de xogo, e Luis Suárez puxo o 3-0 xa antes do descanso. Messi marcou nada máis saír ao campo o 4-0, e o árbitro, que non viu a agresión de Luis Suárez a Arribas no primeiro tempo, expulsou a Laure por vermella directa no segundo. O Barça puido marcar máis, pero atopouse con Lux, e Paco Alcácer estivo moi desacertado.

Garitano aliñou a tres medioscentros: Mosquera, Guilherme e Borges. O Dépor pechou os espazos e resistiu ben os primeiros vinte minutos, malia que Neymar rematou ao traveseiro e Luis Suárez non aproveitou o rexeite a porta baleira xa no minuto 7. Os deportivistas tentaban roubar arriba para crear perigo, pero apenas o fixeron (só dous lanzamentos lonxanos e desviados de Florin Andone e Emre Çolak).

O 1-0 chegou no minuto 21 tras un erro de Navarro, que rodeado de rivais tentou sacar o balón controlado. Rafinha marcou por debaixo de Lux tras unha parede con Luis Suárez. Arribas entrou por Sidnei, mancado. E o segundo chegou no minuto 37, nunha falta lanzada por Neymar que Gerard Piqué rematou coa testa e Rafinha, en fóra de xogo, aproveitou no rexeite. Foi co 2-0 cando nin o árbitro nin o xuíz de liña viron unha agresión de Luis Suárez a Arribas. Antes do descanso, asistencia precisa de Neymar para Luis Suárez, que sentenciou o partido co 3-0. No tempo engadido, outro remate de Luis Suárez ao pau.

Tralo paso por vestiarios, o Barcelona seguiu dominando o partido e Luis Enrique meteu a Messi, que reaparecía case un mes despois. No segundo balón que tocou, tras outro pase preciso de Neymar, firmou o 4-0 no minuto 57.

Lux colle o balón ante a presenza de Messi.
Lux colle o balón ante a presenza de Messi. | Fonte: lfp.es

Garitano, que xa dera entrada a Ryan Babel, meteu a Luisinho para xogar con defensa de cinco, pero nun forcexo na banda por un balón, no minuto 64, Laure soltou o brazo e o árbitro non dubidou: expulsou o capitán do Dépor con vermella directa. O Dépor tiña que xogar media hora con dez. O galego Denis Suárez, que entrara por Rafinha, rematou ao pau e Lux evitou o quinto en remates de Paco Alcácer e Messi. O 4-0 foi definitivo grazas ao pouco acerto de Paco Alcácer co gol.

O Dépor, que queda con oito puntos, segue sen marcar ningún gol a domicilio tras catro partidos lonxe de Riazor: 0-0 co Betis, 0-0 co Alavés, 1-0 co Atleti e 4-0 co Barça. A vindeira semana, derbi co Celta en Balaídos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta