Un Celta decepcionante

O equipo celeste encaixa unha malleira (5-0) na súa visita a Vilarreal nun dos peores partidos co Toto Berizzo no banco. O Celta, que acabou con dez pola expulsión de Sergi Gómez, xa perdía 2-0 no minuto 11. O xoves, o Ajax na Europa League.

Por gcdeportes | Vigo | 16/10/2016 | Actualizada ás 23:54

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Vilarreal 5:
Asenjo; Mario, Álvaro González, Víctor Ruiz, Jaume Costa; Bruno, Trigueros, Roberto Soriano (Rodri, 81), Samu Castillejo; Sansone (Pato, 73’) e Bakambu (Jonathan dos Santos, 63’).
Celta 0: Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Jonny; Daniel Wass (Josep Señé, 72’), Radoja, Orellana; Pione Sisto (Pape Cheikh, 52’), Theo Bongonda e Iago Aspas (Giuseppe Rossi, 57’).
Goles: 1-0: Roberto Soriano (minuto 8). 2-0: Roberto Soriano (11’). 3-0: Bakambu (37’). 4-0: Wass, en propia meta (48’). 5-0: Trigueros (92’).
Árbitro: Estrada Fernández (catalán), Expulsou por dobre cartón a Sergi Gómez no minuto 86. Amarelas a Iago Aspas, Orellana, Pape Cheikh e Daniel Wass nos celestes e a Álvaro González nos locais.
Incidencias: partido da 8ª xornada de Liga no Madrigal ante 18.152 espectadores.

Cabral, Radoja e Wass, a impotencia celeste tras encaixar un gol.
Cabral, Radoja e Wass, a impotencia celeste tras encaixar un gol. | Fonte: lfp.es

Quince días despois de gañar ao Barça, partido para esquecer axiña do Celta, que encaixou dous goles tras dous erros nos primeiros minutos e non deu sinais de vida no resto do partido. Un verdadeiro suplicio para o Celta no Madrigal, onde acabou encaixando cinco goles. Un equipo descoñecido, sen intensidade, nun dos peores encontros dende que o Toto Berizzo senta no banco celeste. Cuarta derrota en oito xornadas, e 16 goles encaixados, a dous por encontro.

Os dous primeiros disparos a porta do Vilarreal foron gol. O primeiro, no minuto 8, nun erro na marcaxe de Hugo Mallo: pase de Trigueros para Roberto Soriano ás costas do capitán e primeiro gol para os castellonencos. Tres minutos despois, erro de Sergio Álvaréz na saída de balón e segundo gol do italiano Soriano por riba do meta de Catoira.

Co 2-0, os locais baixaron un chisco o ritmo e permitiron ao equipo de Berizzo ter máis balón e achegarse á área, pero sen crear verdadeiro perigo. A presenza celeste en campo contrario creaba máis espazos, e así chegou o terceiro, nunha contra levada por Sansone e finiquitada con precisiónm por Bakambu. 3-0 ao descanso.

E para rematar o despropósito, nada máis comezar o segundo tempo, na primeira chegada local, gol en propia meta de Daniel Wass tras un saque dende o recanto. Quedaban corenta minutos de suplicio celeste. E menos mal que o Vilarreal baixou a intensidade e conformouse co 4-0. Nada destacábel no Celta, que malia o dominio non creou ningunha xogada de perigo. Entraron Pape Cheikh, Giussepe Rossi e Josep Señé, pero nada mudou. Sergi Gómez autoexpulsouse e no tempo engadido, contra de Mario Gaspar, que acabou cun remate de Pato ao pau e Trigueros aproveitou o rexeite para marcar o 5-0.

O Toto Berizzo berra aos seus xogadores dende a banda do Madrigal.
O Toto Berizzo berra aos seus xogadores dende a banda do Madrigal. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta