Gómez Noya, sexto título e un Ironman

O triatleta galego, xa case recuperado da lesión no cóbado, afronta con ánimo renovado a vindeira tempada, na que buscará un novo título Mundial e estrearse en novembro na distancia Ironman. Reaparecerá a primeira semana de marzo en Abu Dhabi.

Por gcdeportes | A Coruña | 18/10/2016 | Actualizada ás 09:58

Comparte esta noticia

“Psicoloxicamente foi complicado, pero como noutras ocasións superei ese contratempo mentalmente, fixeime novos obxectivos, tratei de sacar a parte positiva da desgraza e agora estou ilusionado e motivado”.
Con 33 anos, xa case recuperado da fractura no cóbado que lle apartou dos Xogos Olímpicos de Río, Javi Gómez Noya afronta o futuro co corpo osixenado e co ánimo renovado. E pensa xa na vindeira tempada, na que tentará acadar o sexto título Mundial tras vencer no 2008, 2010, 2013, 2014 e 2015 e na que buscará estrearse na distancia Ironman. “Centrarme no Campionato do Mundo da ITU outra vez, que empazaremos en marzo, e algunhas carreiras diferentes que tamén irei metendo, algún medio Ironman, e posiblemente un Ironman a final de tempada”.

Gómez Noya celebra os cinco Mundiais.
Gómez Noya celebra os cinco Mundiais.

A vida de Gómez Noya, que este luns participou nun acto solidario na Coruña, va “volvendo á normalidade”, xa cos seus adestramentos en Pontevedra, e o obxectivo do triatleta galego é estar preparado para a primeira proba do mundial, 4 de marzo en Abu Dhabi, aínda que probablemente reaparecerá antes para chegar a punto a esa cita.

“Estou con ilusión porque despois de tanto tempo parado teño ganas de volver competir, de volver gozar do deporte, de volver adestrar ben. Afortunadamente, o cóbado vai mellorando moito e estou listo para volver ao traballo”, apunta tres meses despois da caída da bicicleta en Lugo e da fractura de cóbado que lle apartou dos Xogos Olímpicos.

O triatleta ferrolán afincado en Pontevedra tenta quedar coa parte positiva da súa lesión: “A parte positiva é que despois de moitos anos, moitos adestramentos moi intensos, moitas competicións, enlazando unha tempada tras outra, facer un parón máis grande que outras veces puido virlle ben ao meu corpo para afrontar os vindeiros anos máis recuperado e con novas ilusións”.

Calendario Series Mundiais ITU 2017:

• Abu Dhabi (Emiratos Árabes: – 3-4 de marzo
• Gold Coast (Australia): 8-9 de abril
• Yokohama (Xapón): 13-14 de maio
• Leeds (Inglaterra): 10-11 de xuño
• Hamburgo (Alemaña): 15-16 de xullo
• Edmonton (Canadá): 28-30 de xullo
• Montreal (Canadá): 5-6 de agosto
• Estocolmo (Suecia): 26-27 de agosto
• Rotterdam (Países Baixos): 14-17 de setembro

Abu Dhabi, Gold Coast, Hamburgo e Edmonton serán en distancia esprint, menos favorábeis as condicións do campión galego, e as probas restantes serán en distancia olímpica.

Tras rematar o calendario ITU, Gómez Noya adicará varias semanas a adestrase para o seu debut na distancia Ironman (3,9 quilómetros de natación, 180 de bicicleta e 42,1 de carreira a pé), que podería chegar en novembro, en Arizona ou Cozumel, onde xa debutará Iván Raña no 2012.

Esta será unha semana atípica para Javi Gómez Noya, xa que hoxe viaxa cara a Oviedo, onde o venres recibirá por fin o premio Princesa de Asturias do Deporte, “un premio de unha importancia tremenda” para el e de xeito especial para o seu deporte, o tríatlon. Dentro dos actos programados pola entrega dos premios, o sábado participará nunha carreira popular en Avilés. Gómez Noya acudiu este luns ao Colexio Franciscanos da Coruña para presidir a entrega de 2.000 euros que recadaron os alumnos nunha carreira solidaria a prol da asociación BoanoiTe, entidade sen ánimo de lucro que atende a persoas sen fogar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta