Mouriño pide a venda de Balaídos ao Celta para continuar

O máximo accionista celeste, que admite as negociacións co grupo chinés, propón que o club compre o estadio municipal para garantir a súa viabilidade futura, pero avisa: “Se o mellor para un futuro dificilísimo implica a venda, vendereino”. Caballero rexeita a proposta: "Balaídos sempre vai ser un patrimonio da cidade".

Por gcdeportes | Vigo | 18/10/2016 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

“Remato cunha proposta máis que me libera de toda responsabilidade se non se acepta: o Celta comprométese a mercar o estadio de Balaídos, o Celta asume a responsabilidade e merca o estadio a 10 anos”.

Carlos Mouriño, presidente do Celta.
Carlos Mouriño, presidente do Celta. | Fonte: @rccelta_oficial

Carlos Mouriño pon unha condición para manterse na presidencia do Celta e non vender o club ao grupo empresarial China International Travel Service Limited (CITS): que os partidos políticos se poñan dacordo e vendan o estadio municipal de Balaídos ao Celta, un suposto que, segundo o presidente celeste, garante a viabilidade futura do club. “Ou o facemos entre todos, de xeito conxunto, ou señores, voume coa consciencia totalmente tranquila”, avisa Carlos Mouriño, que pretende comercializar os baixos comerciais do estadio para dotar ao club dunha maior solvencia económica.

O máximo accionista do Celta, cun 52% do capital, que admitiu as negociacións co grupo chinés e destacou que non recibiu ningunha proposta dende Galicia, sostén que a venda do club só chegaría a producirse se é a mellor ópción para garantir o futuro do club vigués.

"Vou pelexar a morte o mellor para o Celta, e se o mellor é dar unha solidez económica para un futuro dificilísimo e iso implica a venda, vendereino", avisa Mouriño, quen criticou duramente a Elena Muñoz, voceira do PP vigués, por criticar a venda do Celta a un grupo empresarial estranxeiro e a quen lembrou a fusión de Caixanova e a súa posterior venda.

A venda de Balaídos é a última proposta, despois de que o presidente celeste presentase "tres ou catro proxectos para darlle solvencia económica" e, segundo el, non fosen aceptados, en referencia a busca de terreos para construír a cidade deportiva do Celta.

A resposta dende o Concello foi inmediata: “O estadio de Balaídos é un estadio público, que seguirá sendo público, que o Celta ten e terá á súa disposición. Eu non contemplo en absoluto a súa privatización, sempre vai ser un patrimonio da cidade o campo de Balaídos”, avisou o alcalde Abel Caballero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Eu mesmo

Pois unha estrutura que é de balde só para un clube e que require de investimentos de cando en cando, pois mellor vendela a prezo de mercado e o produto da venda adicalo a fins de interese social-deportivo para a maioría. Mouriño ten razón!.

1 Montesío

Balaídos é municipal e polo tanto público, e así debe seguir sendo. Pero o home ten parte de razón cando di que non se lle facilitou desde a administración a posibilidade de facer o seu estadio privado para que o Celta tivese un respaldo patrimonial a hora de poder negociar coas súas accións.