Vitorias de Leyma e COB

O Básquet Coruña gaña 79-65 a Araberri en Riazor e suma a terceira vitoria en catro xornadas. Ourense, cun espectacular Nemanja Mitrovic, autor de 9 triplas, dá a sorpresa e vence a Gipuzkoa 65-70. Derrota de Marín na Raña ante Palma por 65-78.

Por gcdeportes | A Coruña / Ourense | 19/10/2016 | Actualizada ás 08:52

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Básquet Coruña 79:
Zach Monaghan (6), Dago Peña (19), Sabonis (5), Zyle (11), Sergio Olmos (12)- cinco inicial- Ángel Hernández (5), Javi Lucas (7), Pilip Djuran (4), Joan Creus (2), Larry Abia (2) e Mikulic (6).
Araberri 65: Papantoniou (15), Hearst (11), Durchev (6), Cvetinovic (11), Kyle Rowley (9) –cinco inicial- Alvarado (0), Iván García (2), Berhanemeskel (4), Buesa (0) e Dani Lorenzo (0).
Parciais: 27-18, 17-20 (44-38), 14-9 (58-47), 21-18 (79-65).

Fran Guerra, defendido por Slezas, no Gipuzkoa-COB.
Fran Guerra, defendido por Slezas, no Gipuzkoa-COB. | Fonte: RETAbet.es

Tarefa de equipo no Leyma Coruña, dende o primeiro ata o último minuto, con ata once xogadores que anotaron para vencer 79-65 a un Araberri complicado, que non cedeu ata os últimos minutos. Agás a primeira canastra, os coruñeses foron sempre por diante, con vantaxes incluso por riba dos dez puntos, pero non conseguiron rachar o partido. Dago Peña foi o mellor con 19 puntos e 12 rebotes. Tito Díaz acabou contento con seus, pero laiouse das 19 perdas de balón e dos 13 rebote en ataque dos vitorianos. Básquet Coruña xa ten a terceira vitoria en tan só catro xornadas. O domingo ás 19.00 horas, nova cita coa visita ao Barça B.

Trala tripla inicial de Papantoniou, parcial de 16-0 para os coruñeses. Araberri tentou recuperarse cos puntos do base grego, pero Leyma mantivo a vantaxe ao final do primeiro cuarto (27-18). Cvetinovic e Papantoniou apertaron o marcador (31-30) e chegaron a igualar o choque (35-35), pero unha tripla de Monaghan antes do descanso abriu de novo oco (44-38). Leyma tentou rachar o partido no terceiro cuarto, pero Rowley e unha tripla de Durchev termaban do Araberri. Unha nova tripla de Dago Peña e 58-47 ao remate do terceiro cuarto. Leyma só anotou unha tripla (Javi Lucas) nos primeiros catro minutos e os vitorianos tentaban meterse na lea polo partido: Papantoniou puxo o 63-58 a cinco minutos do final. Leyma mantivo a calma e Zyle e Dago Peña sentenciaron o encontro (79-65).

Ficha técnica
Retabet.es Gipuzkoa 65:
Uriz (6), Niang (4), Pardina (7), Carlson (16), Slezas (11) -cinco inicial- Xabier Oroz (2), Lander Lasa (7), Sergi Pino (2), Skouen (0), Simeonov (6) e N´Doye (4).
Ourense Provincia Termal 70: Cristian Díaz (4), Kyle Hittle (0), Mitrovic (29), Dmitry Flis (14), Fran Guerra (2) -cinco inicial- Devin Wright (3), Tomás Fernandez (3), Martín Rodríguez (4), Kapelan (7) e Jukic (4).
Parciais: 15-23, 16-10 (31-33), 15-18 (46-51), 19-19 (65-70).
Árbitros: Asier Quintas e Javier Torres. Eliminaron por cinco faltas a Aleks Simeonov.

Con 29 puntos e 9 de 12 en triplas, Nemanja Mitrovic liderou o COB para dar a sorpresa e tumbar a un ata ese momento invicto Gipuzkoa. O tiro exterior foi decisivo, con 42 dos 70 puntos dende 6,75 (14 triplas) nos ourensáns, máis o traballo de Dmitry Flis (14 puntos e 7 rebotes). Mitrovic sumou durante todo o partido, foi o único que anotou en xogo nun mal segundo cuarto e sentenciou cando compría facelo. Ao final, 65-70.

Gipuzkoa só encaixara 58 puntos por partido antes de recibir a Ourense. Con triplas de Christian Díaz, Flis e Mitrovic, COB abriu oco no primeiro cuarto (8-15) e mantívose arriba tras dez minutos (15-23). Gipuzkoa axustou en defensa e Ourense pasou máis de seis minutos sen anotar. Cun parcial de 12-0, os locais puxéronse por riba (27-23). Pero tres triplas de Mitrovic devolveron o mando ao COB ao descanso: 31-33.

Reanudouse o partido cunha tripla de Flis, pero un parcial de 9-0 devolveu a iniciativa aos locais (42-38). Unha nova tripla de Mitrovic e un mate de Jukic puxeron a Ourense de novo arriba (42-43) e dúas novas triplas do escolta bosníaco ampliaban a vantaxe ao final do terceiro cuarto: 46-51. A tensión provocou moitos erros no arrinque do último acto e Gipuzkoa achegouse (53-55), pero Tomás Fernández e Kapelan respostaron dende 6,75 para poñerse 53-61. De novo achegáronse os locais, pero Mitrovixc sentenciou con dúas novas triplas. Ao final, 65-70.

Ficha técnica
Marín Peixegalego 65:
José Simeón (5), Tim Derksen (12), Albert Homs (4), Javi Mugica (12), Jason Cain (20) -cinco inicial- Marc Bauzá (0), Manu Ferreiro (6), De Ciman (11), Goyo Adon (0), Mario Cabanas (0) e Miso (2).
Palma Air Europa 78: Mikel Uriz (4), Carles Bivià (19), Zengotitabengoa (14), Roger Fornás (14), Claudio Fonseca (4) -cinco inicial- Mockford (2), Medori (8), Víctor Serrano (2), Carlos Poyatos (1) e Alvaro Frutos (10).
Parciais: 18-17, 17-22 (35-39), 20-20, 10-19 (65-78).
Árbitros: Pagan Baró e López Lecuona. Eliminaron por cinco faltas persoais a Jason Cain no Marín e a Víctor Serrano e Claudio Fonseca no Palma.

Agás no primeiro cuarto, Palma mantivo o ritmo de partido que lle interesaba e Marín non tivo un bo día no tiro exterior. Os de Javi Llorente remataron con 6 de 34 en triplas (18%), por 13 de 26 dos mallorquinos, que tamén gañaron a batalla do rebote (26-31). Peixegalego estivo por riba no primeiro cuarto (18-17), pero Palma deulle a volta no segundo (35-39 ao descanso). Marín volveu estar por diante no terceiro (48-44), pero dúas triplas de Bivia puxeron por riba a Palma (55-59). Os locais achegáronse 62-65, pero non puideron culminar a remontada, e Palma acabou gañando 65-78. Cain foi o MVP con 20 puntos, e Javi Múgica aportou 12 puntos e 10 rebotes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta