REPORTAXE.- A privatización dos servizos públicos

A adopción dun modelo "á británica" para a sanidade, mediante o que empresas privadas se encargarán de construír e xestionar 22 novos centros de atención primaria; a redución orzamentaria para o ensino, sustentada na supresión de prestacións escolares -eliminación da gratuidade dos libros texto, redución das axudas para comedores, despedimentos de mestres nas Escolas Oficiais de Idiomas (EOI)…-, e mais na mercantilización da universidade, que promulga o xa instaurado Plan Boloña,  son algunhas das accións políticas que baten de fronte cos dereitos cidadáns elementais citados na Constitución Española. Por ende, hai que engadir á listaxe a substitución do modelo de explotación dos parques eólicos, baseado na participación pública, polo chamado canon medioambiental, cuxas perdas económicas para as arcas autonómicas cífranse arredor dos 50 millóns de euros anuais; as concesións a Iberdrola para furar a zona europea de protección ambiental dos canóns do Sil, e mais a liberalización do solo, segundo mostran os cambios previstos na Lei de Ordenación Urbanística e Protección do medio rural en Galicia (Louga)...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 28/10/2009 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

O afianzamento destas políticas neoliberais pasou inadvertido no primeiro feixe de balances e análises mediáticas sobre a xestión do novo executivo autonómico, producido cando se cumpriron os seus cen primeiros días no poder. Nestes días, a aprobación dos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2010 está a ser outro detonante para a proliferación de múltiples e variados análises políticos, nos que se verteron infinidade de argumentos, tanto a favor coma en contra. Nembargante, tamén desta volta a maioría das interpretacións obviaron o eixo artellador da acción política do goberno, consistente nun minucioso e progresivo desmantelamento dos servizos públicos e mais dos recursos naturais e territoriais. Malia ser este un feito que fica máis ao descuberto nos novos orzamentos. Neles dáselle luz verde ás empresas privadas -na súa meirande parte con sede xurídica fóra do país- para explotar servizos sociais básicos como a sanidade, a educación ou os recursos naturais e territoriais do país.

Sanidade

A partida orzamentaria destinada para o sistema sanitario redúcese nun un por cento con respecto ao 2009 -de 3.766 millóns a 3.728-. Esta involución vai acompañada de medidas concretas. A Xunta botará man dos capitais privados para construír 23 novos centros de saúde no vindeiro ano, sufragando así o 37,3 por cento dos investimentos do departamento que dirixe Pilar Farjas e computándoo coma se fose investimento público.

Este modelo de cofinanciación aínda non está definido pola consellería de Sanidade, se ben, na praxis empregada dende fai máis dunha década noutros lugares como Gran Bretaña -e mais tarde imitada polas comunidades de Valencia e Madrid- a sociedade privada faise propietaria da infraestrutura durante 30 ou 40 anos e xestiona tódolos servizos, agás os eminentemente médicos -aparcadoiros, atención telefónica, limpeza, lavandería, hostalaría, mantemento, celadores…-. Ademais dos centros de atención primaria, os centros de alta resolución de O Morrazo e Vigo tamén se sumarán en 2010 á listaxe de infraestruturas sanitarias rexidas baixo as directrices dos capitais público-privados.

A práctica desta fórmula tense mostrado caótica en recentes episodios como os protagonizados no Hospital 12 de Outubro de Madrid, onde imaxes de televisión amosaban os corredores cheos de camas con pacientes pola falta de cuartos libres. A experiencia vivida por Pepe Cabanillas, da Comisión de Sanidad de la Federación Regional da Asociación de Vecinos de Madrid (FRAVM),  amósanos as consecuencias desta fórmula "non é só ineficaz, senón máis cara, xa que as empresas privadas perciben beneficios de, a lo menos, o 15%"; polo que "os custes dos hospitais baixo esta fórmula son "catro veces maiores que baixo un sistema sanitario público". Así mesmo, Cabanillas tamén sinala coma contrapartida a "conxelación na contratación de persoal sanitario" e a "dificultade de establecer controis xurídicos para dilucidar neglixencias".

Educación

O sistema educativo galego é outro dos espazos máis prexudicados nos orzamentos do vindeiro ano 2010 producíndose un continuo traspaso dos recursos públicos aos centros privados, especialmente aos vencellados ao Opus Dei, que persisten no illamento por xénero. A redución orzamentaria do tres por cento -cunha partida de 2.383 millóns de euros- materialízase na eliminación de prestacións como a gratuidade dos libros de texto, as axudas para os comedores, as bolsas de estudos ou a eliminación de persoal, tanto no ensino medio coma nas EOI. No tocante ao ensino superior, a instauración nas nosas universidades do Plan Bolonia déixase entrever no aumento das taxas de matriculación e na introdución de empresas privadas na xestión dos posgraos, con intereses de dubidoso servizo académico á cidadanía e con prezos que triplican aos dos tradicionais másters.

Enerxía

A arañeira que tece o proceso ultraliberalizador na Galiza tamén abrangue o terreo dos recursos naturais. Nesto senso, o goberno popular está a recoller a testemuña do bipartito, que deu luz verde ás empresas con capital foráneo para que explotasen os novos parques eólicos dun xeito masivo e cun revestimento nas arcas públicas de, apenas, o 14 por cento dos beneficios derivados da explotación do vento. Deste xeito, pechábanse as portas á posibilidade do autoabastecemento enerxético, xa que somos excedentarios. Malia esta situación, o novo executivo pretende modificar a lei eólica para beneficiar aínda máis aos capitais privados modificando a participación pública nos parques por un canon medioambiental, de dubidosa constitucionalidade, que gravará o número de aeroxeneradores. Con esta modificación a Xunta pensa recadar 22 millóns de euros ao ano fronte aos 73 que se obterían co antigo modelo de participación pública.

As empresas enerxéticas seguen a ser as grandes beneficiarias da falta de escrúpulos medioambientais como se pode ollar nos furados de Iberdrola nos canóns do Sil, zona incluída dentro da Rede Natura 2000. Neste caso alíanse a conivencia dos gobernos estatal e autonómico xunto coa desidia para elaborar e pór en vigor os Planos Reitores de Uso e Xestión (PRUX) das zonas de protección medioambiental. A enerxética española copará unha boa parte da paisaxe dos canóns coa ampliación da central de Santo Estevo -cuxos traballos provocaron a seca do caudal do Sil en varias ocasións-, San Pedro e coa construción do encoro de Santa Cristina -que contempla a creación dun lago artificial na cima da montaña de 800 metros de diámetro-. Coma se do megaproxecto chinés do Encoro das Tres Gorxas se tratase, os ecoloxistas lamentan os danos medioambientais, xa que "onde remata a cola dun encoro comeza outro", lamenta Xan Carlos Fernández, voceiro de Adega en Ourense. Os ecoloxistas tamén chaman a atención sobre "o brutal impacto destas instalacións nos nosos ríos e nos espazos protexidos, que repercutirá negativamente no turismo da Ribeira Sacra e comprometerá a súa declaración como Patrimonio da Humanidade".

Urbanismo

O solo non se mantén alleo ao proceso privatizador que está a sufrir o país. Na anterior lexislatura xa se fixeran políticas dabondo por fomentar a urbanización do litoral e a construción de redes comunicativas que favorecesen a especulación territorial, que se levaron a cabo nas Directrices de Ordenación do Territorio. Desta volta, a Xunta pretende modificar a Louga para eliminar o punto referente á obrigatoriedade de ceder o 2,5 por cento do solo urbanizable para vivendas de protección oficial, como ten denunciado reiteradamente a Federación Galega de Municipios (Fegam).

Tecnoloxía

Neste contexto de crise económica o máis axeitado para a viabilidade das arcas públicas non semella ser o traspaso de capitais de cara á sociedades privadas. As políticas de austeridade que promulga o executivo pouco teñen que ver con estas accións políticas. Moito menos no caso da re-substitución nos sistemas informáticos da administración pública do software libre por software privativo, feito polo que a Xunta ven de aboar dous millóns de euros á multinacional Microsoft. Pedro Cortegoso, militante do Colectivo Nacionalista de Marín, vai máis alá dos plantexamentos habituais e vencella directamente o poder político co poder económico. "As actuacións dos partidos gobernantes están destinadas a dous grandes obxectivos: manterse no poder e satisfacer aos poderosos. Isto conségueno beneficiando a grandes grupos empresariais relacionados entre si (bancos, construtoras, empresas de servizos, etc.). Polo tanto, non teñen que sorprendernos os continuos escándalos de cargos públicos relacionados coa especulación e a concesión de servizos ás empresas".

Os movementos de base están a organizar a súa resposta priorizando nas problemáticas con consecuencias máis inmediatas, como está a ser a derogación do decreto do ensino. Mais tamén existen problemáticas que, non por seren menos visibles, son menos perxudiciais para a cidadanía como ocorre co desmantelamento dos servizos públicos e a xestión privada dos nosos recursos naturais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

6 cuturru

Sogaserso tamén é unha privatización dos servizos públicos

5 anónimo

Moi ben, unha boa opinion, dende logo que o modelo actual non convence a moitos, nin estudantes nin docentes, ensinar non e competir nun mercado.

4 Estudante

A universidade do século XXI é unha fábrica de traballadores, e eu teño claro que a traballar apréndese no traballo, non na universidade. A súa función debe estar ao servizo da cidadanía, e revertir no prgreso da sociedade, e non do mercado nin das empresas como se pretende con Bolonia.

3 roi

Si, si... a vos con que estea todo privatizado, tan contentos. Xa se ve o modelo pepero de benestar. "Todo para o pobo pero sen o pobo"

2 Ribeiriña

¿E que pinta Boloña no medio de todas esas catástrofes privatizadoras? ¿É mellor manter a Universidade como no século XIV? Deixádevos de prexuízos.