Unha Cidade Deportiva para o Celta

O alcalde Abel Caballero, tallante no rexeitamento á venda de Balaídos ao Celta, propón ao presidente Carlos Mouriño colaboración para construír unha Cidade Deportiva para o club “dacordo coas normas urbanísticas”.

Por gcdeportes | Vigo | 20/10/2016 | Actualizada ás 08:01

Comparte esta noticia

“Balaídos é público e vai seguir sendo público. Seguimos coa obra e remataremos coa obra. Ponse a disposición da cidade, porque é un patrimonio de Vigo, e queremos que siga séndoo. Non está suxeito a ningunha privatización e eu non teño ningunha vontade de privatizalo. Todos sentimos que o campo de Balaídos é un campo de todos”. Por segundo día consecutivo, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, foi tallante no seu rexeitamento a proposta do presidente Carlos Mouriño sobre a posibilidade de mercar Balaídos como condición para continuar no club e non vender as súas accións ao grupo empresarial chinés con quen negocia dende hai tempo.

Carlos Mouriño e Abel Caballero, trala firma do acordo sobre Balaídos.
Carlos Mouriño e Abel Caballero, trala firma do acordo sobre Balaídos. | Fonte: Concello de Vigo

En troques, o rexedor vigués amosou a total disposición do Concello a colaborar co Celta para poñer en marcha algún dos outros proxectos demandados polo presidente, como a cidade deportiva do club. Na súa comparecencia do martes, Mouriño laiouse de que a cidade non aceptase os seus proxectos presentados “para darlle solvencia económica" ao club e recoñeceu “a falla de motivación” para continuar co proxecto. Mouriño aludía á devandita cidade deportiva ou a unha Universidade do Deporte xestionada polo club vigués.

En resposta, Abel Caballero comprométese a cooperar co Celta para atopar una solución para os terreos da Cidade Deportiva, sempre dentro da legalidade urbanística. “Estamos sempre dispostos. O Celta ten unha cidade deportiva que é unha concesión da cidade. Se o Celta quere unha cidade deportiva mellor e máis grande, a nosa cooperación ten que ser dacordo coas normas, coas leis e o plan de urbanismo. Comprendo que necesiten unha nova cidade deportiva. Teñen a nosa cooperación, porque ademáis nese caso liberaríamos os campos da Madroa, que pasarán a ser usados pola cidade, que fan moita falla. Unha nova Cidade Deportiva sería moi boa para o Celta, pero tamén para a cidade”.

Tralo órdago lanzado o martes polo presidente celeste, Caballero ten a intención de reunirse hoxe con Carlos Mouriño aproveitando a previa do partido co Ajax, terceira xornada da Europa League. “Teñoo charlas co presidente do Celta de xeito continuo, pero agora é un bo momento para ter unha charla tranquila e ver como están as cousas no Celta”.

Caballero salientou o bo funcionamiento do convenio firmado no seu día entre o club e o Concello para o uso da Balaídos, e lembrou que o presidente Mouriño estivo conforme coa cláusula de ‘salvagarda’ pola que o Concello podería vetar o uso do estadio se a propiedade do club muda de mans. “Queremos seguir coa cooperación. Eu teño unha relación fluida co presidente do Celta, a quen considero o meu amigo. A miña vontade como alcalde é continuar con esa boa relación”.

Carlos Mouriño, Caballero, Louzán e Chema Figueroa, na firma do acordo no céspede de Balaídos.
Carlos Mouriño, Caballero, Louzán e Chema Figueroa, na firma do acordo no céspede de Balaídos. | Fonte: @RCCelta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta