O cinema en galego, invisible no circuíto comercial pola falla de protección

O Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago de Compostela alerta de que "non existen políticas efectivas que poñan en valor o cinema realizado en galego". Ademais, atopan semellanzas co cinema brasileiro, que tamén ten "dificuldades para chegar ás salas comerciais", pero "consegue moverse por festivais internacionais e obter premios que demonstram o valor cultural deses filmes".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/10/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O cinema en galego segue sendo practicamente invisible no circuíto comercial. É a alerta que lanzan Silvia Roca Baamonde, Marta Pérez Pereiro e Ana Isabel Rodríguez Vázquez, do Grupo de Estudos Audiovisuais do Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nun estudo publicado na revista CIC - Cuadernos de Información y Comunicación, estas autoras avisan de que as políticas públicas non garanten a visibilidade das producións cinematográficas galegas, que sofren unha situación de desprotección.

Imaxe promocional do filme galego Vilamor, de Ignacio Vilar.
Imaxe promocional do filme galego Vilamor, de Ignacio Vilar.

Malia o recoñecemento expreso do audiovisual como sector estratéxico por parte do Goberno autonómico, na Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, "constátase que non existen políticas efectivas que poñan en valor o cinema realizado en galego", afirman as autoras do estudo 'Cines nacionales y lenguas no hegemónicas. La invisibilidad del gallego frente a las políticas de diversidad cultural'.

A partir da análise das políticas públicas autonómicas galegas, as integrantes do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC avisan da "carencia dunha estratexia institucional efectiva para o fomento da distribución e exhibición da cinematografía galega, algo que afecta especialmente os filmes producidos e distribuídos en versión orixinal galega dentro e fóra de Galicia".

Así, as medidas desenvolvidas polo Goberno español en cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias "descoidan a promoción do audiovisual como instrumento de diversidade cultural e relégano a un lugar secundario dentro das accións encamiñadas ao fomento e protección das linguas minoritarias peninsulares", denuncian dende o Grupo de Estudos Audiovisuais.

Deste xeito, aos obstáculos que xa impoñen os fluxos comerciais propios da globalización á distribución de filmes, súmase a falta de "protección especial que require unha produción en lingua minorizada" como a galega, explican neste estudo sobre a presenza —"ou, para ser máis exactos, a ausencia", din— da versión orixinal galega nas longametraxes cinematográficas estreadas entre 2008 e 2012. 

Longametraxes galegas por orde de resultados en taquilla
Longametraxes galegas por orde de resultados en taquilla | Fonte: Grupo de Estudos Audiovisuais da USC.

Un dos problemas que identifican na súa análise é a "indefinición" do concepto «audiovisual galego» na Lei 6/1999, que se observa, por exemplo, nos informes bianuais que España emite para xustificar as actividades dedicadas á protección das linguas minoritarias. "Nestes documentos, a definición do «sector audiovisual» responde a unha perspectiva economicista e non cultural", sinalan.

Neste ámbito obsérvase, ademais, "un desequilibrio entre as medidas adoptadas para a televisión, para a que se financia sobre todo a dobraxe, e para o cinema, que, a pesar das boas intencións expresadas nas distintas normativas vixentes, non é receptor de medidas concretas", apuntan no estudo.

As autoras tamén establecen unha correlación entre a dimensión económica do proxecto audiovisual e a elección da lingua, de forma que "o español se relaciona coas producións de maior orzamento, mentres que o galego se asocia aos filmes de orzamento máis reducido".

Para as investigadoras da USC, "non resulta sorprendente" que a produción cinematográfica en Galicia presente unha "clara hexemonía da lingua castelá na versión orixinal dos filmes, especialmente acusada nas películas de ficción", indican. Pola contra, a non ficción presenta "maiores porcentaxes de banda sonora en galego, algo que pode atribuírse ao maior compromiso que xéneros como o documental presentan coa realidade social", engaden as investigadoras.

Con todo, sinalan que as producións galegas "demostraron nos últimos anos unha enorme visibilidade e éxito nos circuítos cinematográficos alternativos". Sen embargo, "este cinema máis pequeno atopa maiores dificultades para acceder aos circuítos convencionais e ao gran público". 

"Os problemas de distribución das películas en versión orixinal galega nas salas comerciais requiren un maior compromiso das institucións públicas coa exhibición e visibilización do cinema en galego, así como a procura de novas vías para conseguir que estas películas poidan chegar a unha audiencia que, para comezar, debería saber da súa existencia", conclúen na súa análise, na que se destaca a transcendencia das cinematografías nacionais en linguas non hexemónicas na consecución dunha cultura europea diversa. 

SEMELLANZAS CO CINEMA BRASILEIRO

Silvia Roca Baamonde e Marta Pérez Pereiro asinan, canda Karine Ruy, da Pontificia Universidade Católica do Rio Grande do Sul, outro artigo publicado recentemente na Revista Epitic no que comparan a realidade do cinema galego co de Brasil.

Malia recoñcer que están "localizados en contextos distintos, con dimensións económicas distantes", afirman que "o cinema brasileiro de baixo orzamento e o cinema galego comparten diversas características e, sobre todo, desafíos", xa que "producen filmes que existen nunha esfera de limitación de recursos e, case sempre, na dependencia de programas estatais de subsidio para o sector".

Ao mesmo tempo, tanto a produción brasileira como a galega presetan "asimetrías internas". "O espazo historicamente masivo do filme estranxeiro oriúndo dun modelo hexemónico –tanto en termos económicos como de escollas temáticas e estéticas— xa non constitúe o único elemento de disputa nos mercados audiovisuais. A relación centro-marxe pasa a existir tamén no interior das cinematografias nacionais contemporáneas, co desenvolvemento dun certo modelo hexemônico local que abarca a produción de filmes con maior potencial de conquistar espazo nas xanelas de distribución e tamén de atraer o interesse do público no circuíto exhibidor", argúen estas autoras.

Na súa análise, salientan que os cinemas de baixo orzamento brasileiro e galego, que se asocian a "movementos bautizados como novos ou novísimos", atopan "sérias dificuldades para chegar ás salas comerciais", pero "conseguen moverse por festivais internacionais e obter premios que demonstram o valor cultural deses filmes".

Versión orixinal de longametraxes estreadas no período 2008-2012
Versión orixinal de longametraxes estreadas no período 2008-2012 | Fonte: Grupo de Estudos Audiovisuais da USC.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 28 comentarios

4 Serio

Non pertenzo a este sector, mas quería preguntarvos, ilustres comentaristas, por que está mal que o audiovisual leve subvencións e está ben subvencionar o plan pive, deixar que se merque pisos de protección oficial, subvencionar colexios concertados, chafullar coas subvencións da UE para que os latifundistas sureños terminen de esfolar o noso agro ou indemnizar por sistema os villares mir ou os florentinos da vida. Pregunto por se achegades algunha resposta que desminta o q semellades de primeiras: os típicos que se atreven cos que consideran nunha posición de poder feble e calar cos que teñen pinta de "patrones". Grazas.

1 Fartodalingua

Deben subvencionarse cosas de utilidad. Más allá de Pedrafita o galego é inútil. E non me veñas con conto das portas da lusofonía. Fun moitas veces a Portugal e non teño problema en facerme entender, máis que nada porque case todos eles falan español

2 Serio

O que non debe subvencionarse é a propiedade privada, o que non debe subvencionarse son a empresas automobilísticas que lle fan chantaxe o estado con ameazas de deslocalización se non se lles da a súa parte de cartos públicos, non debe "subvencionarse" á banca que xoga cos cartos de todos e papa os beneficios, non debe subvencionarse unha AP9 que levamos pagando desde o minuto cero, nin as aventuras empresariais na sanidade ou a educación. E non me veñas coa "utilidade das cousas" porque esa é a túa opinión que vale tanto coma a miña ou coas túas paranoias sobre o galego. Grazas por respostar.

3 País

Aínda queren máis subvencións? Vivir a conta dos trabucos dos demáis? Se as creacións artísticas (?) galegas non acadan o interese do público será pola baixa calidade. Son unha merda. Morreron as Rosalías, Cunqueiros, Castelaos, Valle Inclán, Fernando Rey e viñeron os Fernán Vello e Pancho Casal, que fracasaron na cultura e búscanse a vida na poltrona. Que lambóns!

1 Sesese

Na actual narrativa galega esta a denominada "xeracion da esperanza". Un grupo de mozas e mozos (a maioria mozas) nacidos nos anos 80 e 90 con gañas e talento que intentan contribuir a grandeza da escrita galega. Apoiando a narrativa , poderemos levar algo a o audiovisual e intentar que sexa rendí ble

2 galegoexiliado

Por moitos chiringuitos e funcionarios que creemos arredor do suposto audiovisual galego, o que non gusta non gusta nin interesa mais alo do luar e da telegaita. O resto e despilfarrar cartos mentras se recorta en educación e sanidade,

1 Fartodalingua

Es que el conceto es el conceto. Fuera de los culturetas nazionatas y de los progres indepes izquierdosos, creo que no te tendría mucha salidiña.