O Concello de Vilalba mercou prendas de loita contra o lume que incumpren a normativa

O PSOE denuncia que o concello fixo un gasto de 1.000 euros en 12 buzos de protección para as brigadas de extinción que non se poderán usar.

Por Galicia Confidencial | Vilalba | 21/10/2016 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O Grupo Municipal Socialista de Vilalba vén de denunciar a compra de vestiario para os traballos de extinción de incendios que infrinxe a normativa vixente, acusando ao goberno local de cometer unha “neglixencia” no que atinxe á seguridade e protección laboral das brigadas.

Un brigadista loita contra o lume
Un brigadista loita contra o lume

A compra de 12 buzos cun investimento de preto de 1.000€, ademais da adquisición doutros materiais, traduciríase “nunha irresponsabilidade polo feito de poñer en perigo aos traballadores que precisan dun vestiario adecuado á normativa para non correr ningún tipo de risco”, aclaran desde o Partido Socialista.

Desde o PSOE aseguran ter a documentación que demostra “que a declaración de conformidade dos EPIs (monos de protección ignífugos) adquiridos polo concello non cumpre a normativa UNE-EN 15614:2007, de obrigado cumprimento segundo as bases técnicas esixidas pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia”, subliñou o concelleiro socialista Luis Fernández.

Deste xeito, critican que o equipo de goberno, e de xeito particular a concelleira popular Sandra Vázquez, en tanto que encargada e responsable desta xestión, “poñan en risco a protección persoal en todos os traballos de loita contra incendios forestais”, especialmente durante as operación de ataque e extinción, tal e como se especifica desde a Xunta.

Debido a este erro que os socialistas consideran “intolerable”, pedirán explicacións aos responsables, posto que “en primeiro lugar actuaron na súa liña ao demorarse e poñer trabas cando pedimos a información, para despois entregar un certificado que non fai máis que demostrar a súa incompetencia nun asunto tan grave”. Tamén solicitarán tamén que a empresa de prevención de riscos contratada polo concello “faga un informe sobre os EPIs e o equipo de goberno de as explicacións oportunas, de principio a fin”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta