Feijóo, "satisfeito" co labor de Santalices na Cámara, onde arranca este venres a X Lexislatura

En Marea invita a colectivos "agredidos" polo PP ao pleno constitutivo, que tamén seguirán dende a tribuna cargos institucionais

Santiago de Compostela | 20/10/2016 | Actualizada ás 20:17 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que está satisfeito co funcionamento da Mesa do Parlamento e co labor do presidente, Miguel Santalices, así como coa "doutras figuras" do seu grupo, aínda que non quixo ratificar qué populares asumirán os cargos institucionais na X Lexislatura.

Como é habitual conforme a súa estratexia de medir os tempos, Feijóo reafirmouse en que os seus "compañeiros" de grupo, cos que se reunirá a primeira hora deste venres, antes da sesión constitutiva do Parlamento que iniciará o novo mandato en Galicia, serán os primeiros en coñecer a súa decisión tras 48 horas de consultas.

"Teño que ser coherente cos meus compañeiros, que me trasladaron as súas propostas. Mañá ímolo falar. ¿Que se estamos satisfeitos co funcionamento da Mesa? Si. ¿Do Goberno? Por suposto. Estamos relativamente satisfeitos co funcionamento de todo o grupo, da Mesa, o presidente e outras figuras do grupo", dixo.

Aínda que Feijóo apostou por ser ambiguo, no PP distintos cargos consultados por Europa Press auguran que haberá continuidade polo menos no caso de Santalices, o deputado con máis experiencia na Cámara, aínda que podería haber cambios no resto da Mesa. Tamén se dá por feito que Pedro Puy seguirá á fronte do Grupo Popular. A decisión definitiva comunicaraa o líder popular, como é habitual, apurando ao máximo os tempos.

En todo caso, a proposta deberá estar lista para este venres ás 11,00 horas, cando se inicie o pleno constitutivo da nova Cámara, na que os populares (con 41 deputados) manteñen a Presidencia, Vicepresidencia Primeira e Secretaría da Cámara. A Vicepresidencia segunda ocuparaa Eva Solla (En Marea) e a vicesecretaría, a socialista Concepción Burgo.

Precisamente, o primeiro acordo entre PSdeG e En Marea, empatados a 14 escanos, aínda que a confluencia supera os socialistas en máis de 17.000 votos, fraguouse para a repartición dos dous postos que lles corresponden na Mesa (o BNG, con seis deputados, queda fóra). A X Lexislatura arrancará, ademais, cunha reconfiguración das bancadas da oposición.

Así, aínda que En Marea pedía inicialmente ocupar a zona do PSOE o hemiciclo en aras da súa condición de segunda forza en votos, finalmente os socialistas manteranse no seu sitio, no exterior da bancada esquerda da oposición. En Marea ocupará, en cambio, o sitio do BNG, que quedará situado entre socialistas e os membros do grupo da confluencia.

OBRAS NO HEMICICLO E BEIRAS ENTRE OS CONVIDADOS

Nos últimos días, o hemiciclo do Parlamento albergou obras para a súa posta a punto e, para a sesión constitutiva, populares e socialistas invitaron os seus respectivos cargos, como é habitual.

Tamén En Marea cursou os seus convites e un dos destinatarios é o histórico Xosé Manuel Beiras, deputado e voceiro de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) no último mandato.

Fontes de En Marea consultadas por Europa Press ratificaron tamén que acudirán á tribuna representantes de colectivos "especialmente agredidos polo PP". Así, acudirán ao Pazo do Hórreo membros de Stop Desahucios, da plataforma de vítimas do accidente de Angrois, das Marchas pola Dignidade, da Plataforma de Afectados pola Hepatite C e de SOS Sanidade Pública.

Os deputados do BNG, como é tradicional, portarán un caravel e un exemplar da obra de Castelao 'Sempre en Galiza'.

RENOVACIÓN IMPORTANTE, SOBRE TODO NA OPOSICIÓN

Finalizados os trámites posteriores ás eleccións do 25 de setembro, a X Lexislatura galega empezará con máis 40 caras novas (en torno ao 60 por cento) en relación ao anterior mandato. A renovación é especialmente significativa nos tres grupos da oposición (en torno ao 80 por cento).

Así, se estrean nove dos 14 deputados socialistas; mentres que de En Marea, só repiten os que foron parlamentarios de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) na pasada lexislatura Antón Sánchez e Eva Solla; e as deputadas do BNG Ana Pontón e Montse Prado.

O PPdeG, pola súa banda, incorpora unha vintena de caras novas en relación ao grupo co que arrancou a anterior lexislatura, se ben boa parte destes rostros xa son coñecidas por formar parte do Goberno de Feijóo, que incluíu a todos os conselleiros nas súas listas.

O deputado con máis experiencia parlamentaria é o que foi presidente da Cámara na última fase da IX Lexislatura, Miguel Santalices (PP). O de maior idade, o exalcalde de Outes Carlos López Crespo (1949) e a de menor, Paula Quinteiro (Vigo, 1990), de En Marea.

PROCEDEMENTO

A previsión é que o pleno constitutivo arranque ás 11,00 horas, coa composición da mesa de idade, que estará presidida por Carlos López Crespo (PP), a quen acompañarán as dúas deputadas máis novas: Paula Quinteiro (En Marea) e Olalla Rodil (BNG). Esta mesa de idade dirixirá as votacións para a constitución da Mesa do Parlamento.

Tras quedar constituída a Cámara e unha vez elixida a Mesa, o seu presidente terá que comunicarllo ao Rei, ao Senado, ao presidente do Goberno e ao presidente en funcións da Xunta.

Dentro do prazo dos 15 días seguintes á celebración da sesión constitutiva, terá lugar a solemne sesión de apertura da lexislatura. Así mesmo, a constitución inicial de grupos parlamentarios farase dentro dos cinco días seguintes á sesión constitutiva mediante un escrito dirixido á Mesa.

En paralelo, o presidente da Cámara, "consultados os representantes designados polos partidos ou polos grupos políticos con representación parlamentaria, proporá de entre os membros do Parlamento un candidato á Presidencia do Goberno, que neste caso, co PPdeG con maioría absoluta, será Alberto Núñez Feijóo.

Dados todos estes pasos, xa en novembro, Feijóo será investido, tomará posesión e designará o seu Goberno.

A OPOSICIÓN, OBRIGADA A ALIARSE

Esta será unha lexislatura na que os grupos da oposición terán que buscar alianzas para poder acceder a varias iniciativas, como a creación 'automática' dunha comisión de investigación ou a solicitude de comparecencias de membros da Xunta.

O regulamento parlamentario recolle que o pleno, por proposta da Xunta, da Mesa, de dous grupos ou da quinta parte dos deputados membros da cámara, poderá acordar a creación dunha comisión de investigación sobre calquera asunto de interese público.

Non obstante, o texto consolidado en 2015, incorpora a posibilidade de crear, de forma automática, unha comisión de investigación por lexislatura se o solicitan un terzo dos 75 deputados da Cámara que pertenzan a un mesmo grupo, ou ben os dous quintos da Cámara.

Así as cousas, no actual escenario de 75 escanos e unha maioría absoluta do PP de 41 fronte ao empate a 14 de escanos de En Marea e do PSOE, e un BNG con seis, ningún dos tres grupos da oposición poderían pedir de forma automática unha comisión de investigación, malia a porta que abre o regulamento.

Mesmo para sumar os dous quintos da Cámara (30 deputados) que tamén permiten dar este paso sería necesario que se aliasen En Marea, PSOE e BNG.

En canto ás comparecencias en pleno ou en comisión, o regulamento recolle que a iniciativa para a adopción de tales acordos lles corresponderá a dous grupos parlamentarios ou á quinta parte dos membros da Cámara (15 deputados) ou da comisión, segundo o caso. De novo, a alianza sería unha esixencia para sumar a quinta parte esixida posto que ningún grupo da oposición suma 15 escanos.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta