Orellana rescata un punto

Un Ajax letal ao contraataque adiantouse en dúas ocasións e o Celta igualou o choque dúas veces con dous golazos de Fontás e o atacante chileno. O Celta, segundo de grupo con 5 puntos, favorecido polo empate entre Standard de Liexa e Panathinaikos.

Por gcdeportes | Vigo | 20/10/2016 | Actualizada ás 21:57

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Celta 2:
Rubén Blanco; Roncaglia, Sergi Gómez, Andreu Fontás, Carles Planas: Radoja, Tucu Hernández (Daniel Wass, 77'); Álvaro Lemos (Orellana, 62'), Josep Señé, Pione Sisto e Guidetti (Giussepe Rossi, 72').
Ajax 2: Onana; Veltman, Davinson Sánchez, Viergever, Sinkgraven; Klaassen, Ziyech (Bazoer, 76'), Gudelj; Traoré, Younes (Cassierra, 76') e Dolberg.
Gol: 1-0: Ziyech (minuto 21). 1-1: Andreu Fontás (29'). 1-2: Younes (71'). 2-2: Orellana (82').
Árbitro: Ivan Kruzliak (esloveno). Amarelas a Carles Planas (79') no Celta e a Davinson Sánchez (17'), Gudelj (31'), Veltman (31'), Sinkgraven (57') e Carles Planas (79')
Incidencias: partido da 3ª xornada da Europa League no estadio de Balaídos ante 20.000 espectadores.

Un golazo de Orellana a dez minutos do final rescatou un punto para o Celta ante un Ajax que se adiantou ata en dúas ocasións. O equipo holandés marcou nos dous primeiros disparos que fixo, en contras que colleron descolocados aos de Berizzo, e os celestes tiveron capacidade de reacción para igualar o partido, primeiro cun gol co calcañar de Fontás e á fin co tanto do atacante chileno. O Celta, favorecido polo empate no outro encontro do grupo (2-2 entre Standard de Liexa e Panathinaikos), segue segundo do grupo con 5 puntos.

Daniel Wass persegue a Orellana para celebrar o gol que supuxo o 2-2.
Daniel Wass persegue a Orellana para celebrar o gol que supuxo o 2-2. | Fonte: @RCCelta

O Celta, que reservou a Hugo Mallo, Cabral, Theo Bongonda e Iago Aspas pensando no derbi, dominou a maior parte do choque con máis posesión do balón. E Guidetti tivo a primeira ocasión xa no minuto 3 cun tiro dende o bordo da área. Tamén Pione Sisto probou fortuna dende lonxe, pero sen sorte. O Celta levaba o peso do partido, pero cando máis cómodo estaba, chegou o gol do Ajax, nunha contra perfecta tras un córner celeste. Radoja non pechou ben na banda dereita e marcou Ziyech o 0-1 no minuto 22.

Reaccionaron axiña os celestes, que seguían dominando a un Ajax replegado. Roncaglia tivo unha ocasión na que rematou ao lateral da rede. E tan só oito minutos despois do tanto visitante, chegou o golazo de Andreu Fontás, que rematou co calcañar unha falta lanzada por Álvaro Lemos. O Celta seguiu con máis posesión, pero sen moita profundidade.

E como rematou o primeiro tempo, comezou o segundo. O Celta tiña o control e o Ajax agardaba por unha contra, como unha na que Sergi Gómez evitou na área o remate de Dolberg. Berizzo deu entrada a Orellana por Álvaro Lemos, que foi ovacionado na súa marcha por Balaídos. Pione Sisto e o Tucu levaron perigo cunha xogada pola esquerda, pero noutra contra, Roncaglia recuou ata a área e Younes marcou de tiro preciso no minuto 71.

Giusseppe Rossi entrou por Guidetti e Roncaglia tivo o empate coa testa tras un córner dende a dereita lanzado por Josep Señé, pero botou na área e foise por riba do traveseiro. O partido rachouse, pero apareceu Orellana para marcar un golazo e rescatoar un punto no minuto 82 ante o favorito do grupo. Na recta final, os dous equipos non arriscaron e deron por bo o empate.

Orellana reapareceu e fixo un golazo para o 2-2 final.
Orellana reapareceu e fixo un golazo para o 2-2 final. | Fonte: lfñp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta