Aproba Vigo a venda de Balaídos?

O Celta salienta o apoio “masivo” amosado nas enquisas pola afección e a cidadanía á proposta do presidente Carlos Mouriño para que o estadio municipal sexa vendido ao club por 32 millóns de euros.

Por gcdeportes | Vigo | 21/10/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Malia o rexeitamento do alcalde Abel Caballero á proposta, o Celta insiste na súa idea de mercar Balaídos para “dotar ao Celta dun futuro sólido e esperanzador”. Segundo o club celeste, baseándose en enquisas de medios locais, a proposta realizada polo presidente Carlos Mouriño tivo “un gran respaldo por parte dos afeccionados e da cidadanía”.

A nova bancada de Tribuna de Balaídos vai collendo forma.
A nova bancada de Tribuna de Balaídos vai collendo forma. | Fonte: @RCCelta

Para o Celta resultan moi significativos os resultados da enquisa realizada por Faro de Vigo coa pregunta: “¿Defende que Balaídos sega sendo público ou apoia a súa venda ao Celta?” Votaron máis de 6.300 persoas e un 74,4% votaron a prol da venda do Estadio de Balaídos ao RC Celta, datos que segundo o club “desvelan o masivo apoio de afeccionados e cidadáns” á proposta do presidente Mouriño.

Na mesma liña foron os resultados en La Voz de Galicia coa pregunta: “Que lle parece a proposta de venda de Balaídos ao Celta?” Máis da metade dos participantes terían apoiado a venda. O Celta conclúe, en base a estas dúas enquisas, que a venda ten “un respaldo masivo” de afección e cidadanía.

Na súa agardada intervención do martes para falar das negociacións co grupo chinés CITS para a venda do Celta, o presidente Carlos Mouriño sorprendeu coa proposta de que o Celta mercase Balaídos por 32 millóns de euros a pagar en dez anos (o prezo da reforma) para dotar ao club dun “•futuro sólido e esperanzador”, continuar co proxecto e non vender o Celta a un grupo empresarial estranxeiro.

En troques, a resposta do alcalde vigués, Abel Caballero, foi contundente: “Balaídos é público e vai seguir sendo público. Seguimos coa obra e remataremos coa obra. Ponse a disposición da cidade, porque é un patrimonio de Vigo, e queremos que siga séndoo. Non está suxeito a ningunha privatización e eu non teño ningunha vontade de privatizalo. Todos sentimos que o campo de Balaídos é un campo de todos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta