(AM) Feijóo volve a confiar en Santalices para presidir a Cámara e promove á Mesa a Diego Calvo e Raquel Arias

Puy volverá dirixir o grupo, con Paula Prado e Miguel Tellado de vicevoceiros, e o PP baralla crear unha terceira viceportavocía

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2016 | Actualizada ás 12:24 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O líder do PPdeG e presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, volveu confiar na veteranía do ourensano Miguel Santalices (deputado autonómico dende a V Lexislatura) para presidir o Parlamento de Galicia no novo mandato que arranca este venres. Santalices relevara no cargo a Pilar Rojo en xaneiro de 2016, tras concorrer esta como candidata por Pontevedra nas eleccións de decembro do pasado ano e saír elixida.

Entre os populares dábase por feito nos últimos días que Santalices repetiría e Feijóo ratificou esta percepción na reunión de grupo que precedeu ao pleno. Non obstante, quen exerce tamén de presidente do Grupo Popular optou por cambiar os outros dous cargos da Mesa e por promover aos que ata agora exercían de delegados provinciais na Coruña e Lugo.

Así, Diego Calvo, presidente do PP da Coruña e moi próximo ao propio Feijóo, converteuse así no novo Vicepresidente primeiro no Pazo do Hórreo, cargo que ata agora ocupaba a deputada por Pontevedra Marta Rodríguez Arias. A súa traxectoria (pasou por todos os chanzos do partido) e o seu cada vez maior peso político foron determinantes para a decisión do seu xefe de filas.

A lucense Raquel Arias, quen rivalizou con Elena Candia pola Presidencia do PP de Lugo e perdeu, e a quen dentro do partido se sitúa na órbita de Alfonso Rueda, ocupará agora a Secretaría da Cámara, na que ata agora estaba o tamén lucense José Manuel Balseiro.

Finalmente, aínda que se especulou con que Feijóo podería aproveitar os postos do PP na Mesa para situar a algún dos seus conselleiros --todos foron incluídos nas listas-- e avanzar algún axuste no novo Executivo que nomeará en novembro, non se produciu este paso.

O ascenso na Cámara de Calvo e Arias deixan, en todo caso, vacantes as delegacións provinciais da Coruña e Lugo. En declaracións aos medios, Feijóo, quen xa gabara o traballo de Santalices, volveu destacar a súa "experiencia de goberno", ao igual que no caso de Calvo, de quen recordou que presidiu a Deputación da Coruña, e de Raquel Arias.

Os dous cargos restantes no órgano reitor da Cámara autonómica corresponden á oposición e son ocupados por En Marea e PSdeG (ambas as dúas están empatadas con 14 escanos, pero En Marea é segunda forza en votos). Tras un pacto entre ambas as dúas forzas, posto que o BNG (con seis escanos) queda fóra do órgano, a Vicepresidencia segunda da Mesa é para Eva Solla (En Marea) e a vicesecretaría, para a socialista Concepción Burgo.

DIRECCIÓN DE GRUPO

En canto á dirección do grupo (que aplaudiu en polo menos dúas ocasións ao tempo que Feijóo ratificaba as súas decisións), Pedro Puy seguirá como voceiro, algo que xa se daba por feito polos populares nos últimos días. O propio presidente chegou a afirmar a noite electoral que volvería dirixir a 41 deputados.

Tampouco sorprendeu a elección de Feijóo para as viceportavocías, que recaerán en Paula Prado, 'repescada' do Senado, e polo secretario xeral do partido, que tamén é vicepresidente do grupo, Miguel Tellado. O seu xefe de filas aludiu tamén á súa "enorme" experiencia e deu por feito que serán "excelentes voceiros".

Feijóo revelou que o grupo podería crear unha terceira viceportavocía, pero sinalou que dependerá de como se distribúa o traballo na Cámara e que a decisión non está pechada.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta