O Breo cae en Lleida

O Cafés Candelas cede o liderado tras perder 88-77 co equipo catalán e rachar a súa xeira de catro vitorias consecutivas. Mal día dos lucenses no tiro exterior, con 6 de 21 en triplas. As dúas vindeiras citas, Huesca e Oviedo, no Pazo.

Por gcdeportes | Lugo | 22/10/2016 | Actualizada ás 00:14

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Força Lleida 88:
Rupnik (13), Nevels (20), Sevillano (5), Demetrio (17), Mbaye (11) –cinco inicial- Marc Rubin (9), Feliu (5), Sutina (2), Alzamora (6) e Marc Martí (0).  
CB Breogán 77: Josep Franch (21), Rafa Huertas (9), Salva Arco (13), Jonathan Gilling (3) e Fakuade (4) –cinco inicial- Juan Fernández (2), Iván Cruz (15), Sergi Quintela (4) e Aaron Geramipoor (6).
Parciais: 24-19, 23-20 (47-39), 18-25, 23-13 (88-77).
Árbitros: Germán Morales e Alberto Baena. Eliminaron por cinco faltas persoais a Juan Fernández nos lucenses.
Incidencias: 5ª xornada da LEB Ouro no pavillón Barris Nord ante 4.000 espectadores.

Iván Cruz, o mellor dos lucenses en lleida con 15 puntos e 11 rebotes.
Iván Cruz, o mellor dos lucenses en lleida con 15 puntos e 11 rebotes. | Fonte: @flleida

Só unha vez no terceiro cuarto, 51-52 tras unha tripla de Josep Franch, estivo o Breogán por riba no marcador. O resto do partido sempre foi a remolque do Lleida, pero chegou ao último cuarto con opcións: Josep Franch precipitouse nunha tripla para empatar o partido con 76-73 e catro minutos por disputar. Os cataláns xogaron mellor a recta final, e cun parcial de 12-4 sentenciaron o choque (88-77) para seguir invictos e uparse ao liderado. O Breogán, que encaixou a primeira derrota, acabou cun 29% en triplas (6 de 21), moi lonxe de días anteriores. Iván Cruz foi o mellor dos lucenses con 15 puntos e 11 rebotes, e Josep Franch o máximo anotador con 21 puntos.

Vinte puntos anotaron os locais en menos de sete minutos, e Natxo Lezcano tivo que parar o partido con 20-13, e case a metade dos puntos lucenses de Josep Franch (6). Pero Lleida mantivo a vantaxe ao remate do primeiro cuarto: 24-19.
Cos puntos de Franch (13 ao descanso), Salva Arco e unha tripla de Rafa Huertas achegouse o Breogán (34-33), pero Lleida, tras tempo morto, reaccionou cun parcial de 5-0 e Lezcano volveu parar o partido con 39-33 a tres minutos do descanso. Nevels (15 ao descanso) e Rupnik (12) mantiveron a vantaxe local no tempo de lecer: 47-39.

Na reanudación, dúas canastras rápidas e Breogán apertou o marcador (47-43). E con cinco puntos de Josep Franch púxose por primeira vez por diante (51-52). Feliu e Sevillano anotaron de tres, pero respostaron Iván Cruz, con dúas, e Rafa Huertas, e no remate do terceiro cuarto estaba todo aínda por decidir: 65-64.

O último asalto foi o peor en anotación dos lucenses, que encaixaron un parcial de 23-13. Geramipoor mantivo ao Breo na pelexa (69-68), pero unha tripla de Marc Rubin abriu un pequeno oco (74-68) e obrigou ao tempo morto de Natxo Lezcano. Con 76-73, Josep Franch errou unha tripla lonxana, e Lleida, con cinco puntos do escolta estadounidense Nevels, foise definitivamente no marcador. Ao final, 88-77, e primeira derrota do Breogán na Liga. Agora, dúas citas consecutivas no Pazo: Huesca e Oviedo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta