O Himno para quentar o derbi

A cantante galega Andrea Pousa interpretará en directo unha versión sinfónica do himno galego nos prolegómenos do Celta-Dépor. O club vigués repartirá 30.000 bandeiras celestes para dar colorido as bancadas.

Por gcdeportes | Vigo | 22/10/2016 | Actualizada ás 10:03

Comparte esta noticia

Xa case é unha tradición... que arrincou o ano pasado: o Himno galego soará en Balaídos antes do Celta-Dépor deste domingo ás 12.00 horas. Pero por primeira vez soará en directo, na voz da cantante galega Andrea Pousa. O RC Celta anuncia uns minutos previos ao derbi “cargados de emotividade e simbolismo”.

Mosaico coa bandeira galega no último derbi en Riazor.
Mosaico coa bandeira galega no último derbi en Riazor. | Fonte: lfp.es

Coincidindo coa saída ao céspede dos dous equipos, a cantante de Tomiño Andrea Pousa interpretará o Himno de Galicia en directo sobre un arranxo sinfónico gravado pola Macedonian Symphonic Orchestra e músicos galegos, nunha versión aínda inédita. “Será unha honra”, escribiu Pousa no seu twitter.

Mentres, nas bancadas, haberá 30.000 bandeiras celestes co escudo do RC Celta, patrocinadas pola empresa galega Copasa, para que os afeccionados se suman ao momento enchendo de cor o estadio de Balaídos.

Riazor puxo en marcha a pasada tempada a iniciativa de interpretar o himno galego antes dos derbis, iniciativa que foi secundada na segunda volta polo Celta en Balaídos. No partido do regreso da Selección Galega en maio pasado fronte a Venezuela en Riazor, a cantante Rosa Cedrón interpretou tamén en directo a peza de Eduardo Pondal.

O Celta anima a todos os socios e afeccionados a acudir a Balaídos con tempo dabondo para participar nos actos previos. Ao partido, declarado de alto risco pola Comisión Antiviolencia malia a ausencia de incidentes nas últimas citas, acudirán máis de 700 afeccionados deportivistas.

A cantante de Tomiño Andrea Pousa interpretará o himno galego en Balaídos.
A cantante de Tomiño Andrea Pousa interpretará o himno galego en Balaídos. | Fonte: @AndreaPousa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta