Fundamar e o Instituto de Investigacións Mariñas promocionan o turismo pesqueiro en Vigo

O proxecto 'Vigo Pesqueiro' busca ofrecer a oportunidade de "coñecer a historia dun sector, dunha cidade, das súas empresas, de homes e mulleres que foron capaces de traballar e arriscar a vida por todos os mares ao redor do mundo".

Por Galicia Confidencial | Vigo | 22/10/2016 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

O Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) vén de artellar unha colaboración coa Fundación para a Pesca e o Marisqueo (Fundamar) no marco do proxecto 'Vigo Pesqueiro'. Este proxecto nace aproveitando as novas tendencias no eido do turismo, o turismo Industrial, neste caso do noso sector pesqueiro.

Barco de pesca artesanal
Barco de pesca artesanal | Fonte: Instituto de Investigacións Mariñas - CSIC.

O obxectivo do programa 'Vigo Pesqueiro' é "ofrecer a oportunidade de coñecer a historia dun sector, dunha cidade, das súas empresas, de homes e mulleres que foron capaces de traballar e arriscar a vida por todos os mares ao redor do mundo", explican dende os responsables do proxecto.

VISITAS GUIADAS

O IIM-CSIC colaborará neste proxecto mediante un calendario de visitas guiadas ao centro de científico, co obxectivo de dar a coñecer as liñas de investigación que se están desenvolvendo. Así, persoal científico do IIM participou na primeira Xornada formativa técnica 'Como facer a miña empresa/entidade visitable', celebrada o pasado 27 de setembro.

A primeira visita guiada terá lugar o próximo 15 de novembro, con motivo da Semana da Ciencia 2016, e nela estarán involucrados os grupos de Ecoloxía Pesqueira e Reciclaxe e Valorización de Residuos.

O 24 de outubro, representantes da dirección do IIM-CSIC participarán na primeira experiencia piloto da ruta 'Vigo Pesqueiro', que incluirá unha benvida na Oficina de Turismo do Concello de Vigo, un percorrido polo Porto pesqueiro de Vigo no autobús turístico, unha visita a un buque pesqueiro e a clausura, que contará co presidente de Fundamar, o presidente da autoridade Portuaria de Vigo e o alcalde de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta