Vigo, capital europea contra a privatización sanitaria

Representantes de plataformas de Galicia, do resto de España, Portugal ou Reino Unido pola defensa dos servizos sanitarios públicos daranse cita a próxima fin de semana na cidade olívica.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 23/10/2016 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

A cidade de Vigo converterase os próximos venres e sábado, 28 e 29 de outubro, en lugar de acollida dunha cita de carácter internacional para o debate sobre a situación da privatización do actual sistema sanitario galego, estatal e europeo. Así o anunciaron esta fin de semana Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), e Manuel Martín, presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP) e voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública,.

Manuel Martín, presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP) e voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública, e a eurodeputada Lidia Senra.
Manuel Martín, presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP) e voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública, e a eurodeputada Lidia Senra.

Baixo o título “A privatización da sanidade na Unión Europea”, as xornadas —que estarán abertas ao público sen necesidade de inscrición previa—, están organizadas polo propio GUE/NGL e AGEe, en colaboración coa AGDSP (Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública) e a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo.

Para a cita, que se desenvolverá no Hotel Ciudad de Vigo, desprazaranse unha vintena de profesionais do sector sanitario, que exercerán de relatores, co obxectivo de analizar a Colaboración Público-Privada, poñer sobre a mesa casos doutros lugares do Estado nos que foi posible cambiar esta situación e devolver ao sistema público centros sanitarios privatizados, afondar nas carencias e mal funcionamento de hospitais CPP e realizar propostas de futuro entre os colectivos afectados.

Nas xornadas, nas que a propia Lídia Senra como eurodeputada será a anfitrioa, AGEe e GUE/NGL apoiarán e fomentarán o tecido de redes entre as diferentes asociacións sanitarias que defenden un sistema público para avanzar na batalla común e consensuar tamén propostas para defender diferentes nas institucións.  

Neste sentido, Lídia Senra denuncia que “as políticas neoliberais que están avanzando en todo o mundo e as políticas de austeridade impostas pola UE coa complicidade do Estado español e da Xunta de Galicia están a poñer en perigo a Sanidade”. “A sanidade e o dereito a asistencia médica é un dereito humano recollido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. No noso caso, o artigo 135 da Constitución, que consagra o pago da débeda provocada pola decisión de socializar os desmans da banca e das grandes empresas, e o cumprimento cos obxectivos de déficit que suporán novos recortes, van afectar directamente á Sanidade”, alerta. 

A eurodeputada refírese á situación que se está a vivir en Grecia, onde as políticas de austeridade aniquilaron os centros de saúde públicos. “Temos que loitar para evitar que isto suceda aquí. É fundamental dar unha batalla con unllas e dentes para defender a sanidade pública, porque na medida en que os chamados tratados internacionais de nova xeración avancen, será máis difícil reverter as privatizacións", afirma. “De feito o Tratado de Canadá (CETA), que agardamos que desencarrile definitivamente, inclúe unha cláusula de irreversibilidade para que sexa practicamente imposible que calquera Goberno de esquerdas reverta as privatizacións", advirte.

Así, Senra asegura que detrás do aumento das listas de espera e dos malos servizos prestados no sistema sanitario e do recorte de dereitos asistenciais está “o negocio de beneficiar á empresa privada en detrimento da calidade do servizo”. “Moitas veces non somos conscientes de que detrás de todo isto non está simplemente a mala xestión dos servizos, como queren facernos ver, senón un negocio mediante o cal se lle está entregando ás empresas multinacionais todo o que ten que ver co sistema sanitario que debería ser público. O vínculo é directo”, di.

RECORTES NA SANIDADE GALEGA

Pola súa banda, Manuel Martín fai referencia á “dramática situación” da sanidade pública en Galicia, tendo en conta que desde o ano 2009, o orzamento sanitario recortouse un 18%. “Nestes anos elimináronse 1.800 prazas de persoal, das que 513 foron médicas e médicos”, alerta, para engadir que “a redución brutal nos recursos sanitario galegos é o que explica tamén as alarmantes listas de espera na atención sanitaria”. “Recortáronse 447 camas nos hospitais galegos entre os anos 2010 e 2014 e o desmantelamento do sistema sanitario público prosegue sen fin”, asegura.

Martín denuncia ademais que hoxe os servizos tecnolóxicos sanitarios están en mans de empresas privadas, “que deciden cantos aparatos, con que custe e en que lugar van funcionar”. “Isto é como poñer ao raposo ao coidado das galiñas”.

“Todos os servizos estratéxicos do Sergas foron cedidos a multinacionais, a plataforma electrónica, o teléfono da cita previa, o servizo de catering dos hospitais, a teleasistencia sanitaria, etc., e sobre todo a IBM, líder mundial en concentración de información tecnolóxica”, engade Martín, para defender que moitas veces isto supón un sobrecusto. “Estamos ante unha privatización perfectamente deseñada. En Galicia, por exemplo, o Goberno non informa, non fai visible este proceso, pero a realidade é que o Sergas é unha caixa deserta na que todo o que todos os instrumentos de planificación e xestión están en mans estranxeiras, en mans de empresas multinacionais”, afonda.

O presidente da FADSP asegura que as xornadas de Vigo da próxima semana serán “moi importantes” porque reunirán na cidade olívica a persoas de plataformas de moi diferentes lugares como poden ser Galicia, Portugal, Estado Español, Grecia ou Reino Unido que están loitando contra a privatización de hospitais públicos e contra a CPP. “Vai ser a primeira vez que no Estado español se consigue reunir a todas estas plataformas e esperamos lograr crear unha rede de plataformas estatais e europeas para enfrontarnos xuntos e xuntas á privatización e ás multinacionais e aos fondos risco. Necesitamos tecer unha alianza entre as organizacións políticas e sociais e idear estratexias conxuntas para parar este pesadelo”, explica Martín.

O representante de SOS Sanidade Pública di confiar en que sexa posible darlle a volta á situación e que casos como a privatización do hospital de Vigo dean marcha atrás. “Sería posible facelo política e economicamente. A lei está da nosa parte”, di Martín, quen fai un chamamento a parar os pés das Administracións que pretenden seguir a vía de eliminación do sistema público.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta