Calypso Rose recibe o premio WOMEX lembrando a súa colaboración con Manu Chao

Xunto a artista de Trinidade e Tobago, recibiron no mesmo acto os galardóns como mellor selo Glitterbeat Records e o premio á excelencia profesional o colombiano Henry Arteag.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/10/2016 | Actualizada ás 16:34

Comparte esta noticia

Calypso Rose recibiu o premio WOMEX á mellor artista na última actividade que a feira sobre música máis importante do mundo tivo en Santiago de Compostela. Xunto a artista de Trinidade e Tobago, recibiron no mesmo acto os galardóns como mellor selo Glitterbeat Records, e o premio á excelencia profesional, que foi para o colombiano Henry Arteaga.

Calypso Rose recibe o premio WOMEX en Santiago de Compostela
Calypso Rose recibe o premio WOMEX en Santiago de Compostela | Fonte: Xavier Belho.

Calypso Rose foi definida como unha loitadora cultural a favor do mundo e foi recibida por cunha ovación cando subiu ao escenario compostelán para recoller o premio. A artista agradeceu aos seus fans o apoio que leva recibido toda a súa vida porque, sen ese apoios, “non tería escrito novas cancións”.  Ademais, pediu que a xente siga “cantando e bailando as miñas cancións todos xuntos”.

Calypso Rose lembrou a colaboración con Manu Chao para o seu último disco, Far from home. O cantante galego-francés produciu o último disco da artista caribeña. Rose explicou como Chao descubriu a súa música e quixo traballar con ela: “Foi moi amable, moi atento, con moitas ideas no traballo e ata me pediu que nos casáramos”.

Felipe Álvarez pediu a paz en Colombia na introdución no premio a Henry Arteaga, rapeiro, MC, e líder da banda Crew peligrosos, quen tamén puxo en marcha a escola 4Elementos Sckuela en Medellín, Colombia. Henry Arteaga explicou que hai xente que lles di que “vostedes non son peligrosos, son poderosos e a música que fago tenta transmitir ese poder”. Arteaga sinalou que sentía vergoña de que en Colombia se dida que se cre “na paz mentres se practica a guerra”. Sinalou que falar da paz desde a guerra “é un costume herdado desde a conquista”.

PRÓXIMA CITA, EN KATOWICE

A cidade de Santiago cedeu este sábado a testemuña do Womex, o maior mercado internacional de músicas do mundo, á urbe polaca de Katowice, situada na rexión de Silesia, onde terá lugar a edición de 2017. Deste modo, produciuse un acto institucional no Pazo de Raxoi no que participaron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o seu homólogo en Katowice, Martin Krupa; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e o director do Womex, Alex Walter, entre outros.

En concreto, esta feira musical, importante tanto para a industria musical coma para a oferta cultural galega, finalizou cuns datos que demostran o seu éxito: acreditáronse máis de 2.000 delegados internacionais, ademais de establecerse uns 300 postos. Así mesmo, cabe destacar as 60 actuacións musicais que reuniron preto de 300 artistas de 43 países. De igual modo, proxectáronse 11 filmes dentro do programa audiovisual, incluíndo dúas estreas mundiais.

Na súa intervención, o vicepresidente da Deputación indicou que a rexión de Silesia é "un espello no que se mirar na loita da recuperación lingüística". Neste sentido, precisou que Eduardo Pondal escribiu un poema titulado 'Desperta, Polska' que "ben podería ser", sinalou, 'Desperta, Galiza'.

Pola súa banda, Román Rodríguez sinalou que Silesia e Katowice comparten con Galicia e Santiago unha "profunda traxectoria histórica e cultural". Así, explicou que se trata de rexións e cidades "vellas" con "tradición, historia e moita cultura".

A continuación, o alcalde de Katowice apostou por "poñer en valor a música". "É a lingua en común que nos une", destacou, para logo precisar que a rexión de Silesia ten "unha identidade cultural moi marcada e delimitada".

Por último, o rexedor compostelano confiou en que os participantes e asistentes ao Womex repitan a súa visita a Santiago para "descubrir con máis calma" a cidade. "Esperamos que este Womex 2016 sexa un espello no que se mirar", finalizou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta